#Gondomar : Antonio Araújo pechará a campaña electoral do Manifesto Miñor cun mitin na Paradela.

Imprimir
candidatura-manifesto

O 18 de xullo de 2014 botaba andar un manifesto "pola rexeneración democrática" dos concellos do Val Miñor, que tras moitos meses de asembleas e comisións de traballo, rematou na candidatura do Manifesto Miñor. Unha plataforma veciñal con vocación comarcal, inda que a formación optou por só presentar candidatura en Gondomar, concello no que o núcleo de militantes amosaba unha afastada traxectoria en colectivos e entidades sociais do municipio.


O ex alcalde Antonio Araújo encabeza esta candidatura veciñal coa compaña de dúas mulleres que lideraron a loita contra as preferentes en Gondomar, Rocío Cambra e Mª del Carmen Salgueiro; e o apio dous comuneiros cunha prestixiosa traxectoria na construción dun monte multifuncional e produtivo, Alberto Covelo (Vincios) e Xosé Antón Araúxo (Couso). Canda eles, o avogado Xaime Lugilde irá en representación do Manifesto pola presidencia da ELM de Morgadáns.

Tras elaborar cunha convocatoria cidadá un programa electoral que abarca todos os eidos da vida comunitaria, o Manifesto Miñor convoca agora á veciñanza a acompañar estas medidas nas votacións do vindeiro domingo. Nese senso e para quen queira informarse ou acompañar terá lugar un gran acto de peche de campaña convocado para este venres 22 ás 21horas na praza da Paradela, a carón do palco de música e fronte á casa consistorial. O acto o presentará a xornalista Ana Guantes (ex Cadena SER) e falará o candidato á alcaldía, Antonio Araújo. A actividade rematará cunha festa, pases de vídeos , música e baile.