Xoves, 19 Oct. 2017

Actualizado12:46:23 PM GMT

Estás en Canais Sociedade Os refuxiados sirios tamén poden ser acollidos en Galicia

Os refuxiados sirios tamén poden ser acollidos en Galicia

Correo-e Imprimir PDF
siria crisis top spotlight2013
Os refuxiados que o desexen, previo permiso do Goberno español, teñen xa un sitio para ser atendidos en Galicia. O Concello de Lalín é o primeiro que amosa a súa disposición a ceder instalacións municipais co obxectivo de acoller a parte dos milleiros de refuxiados que están tratando de obter asilo en Europa debido aos conflitos que atravesan os seus países de orixe. 
Esta proposta xa causou certa sorpresa por parte dalgúns partidos políticos en Barcelona tras ser esta cidade a primeira en formulala.  Unhas críticas que o rexedor lalinense, Rafael Cuíña quixo atallar suliñando que non se pode "permanecer de brazos cruzados ante esta crise humanitaria intolerable que afecta a milleiros de persoas e que supón unha vergoña mundial”.
 
Entre as instalacións que se poderían habilitar para acoller refuxiados estarían o albergue de Mouriscade ou algunhas zonas do antigo pavillón. O alcalde xa lle remitiu unha carta ao ministro de Exteriores para comunicarlle a intención do Concello de ceder instalacións municipais para colaborar na acollida de refuxiados, “dentro das nosas modestas posibilidades”.
 
“Como representantes públicos, pero sobre todo como seres humanos, debemos facer todo o que estea dentro das nosas posibilidades, por pequenas que sexan, para tratar de dar unha resposta a xente que está a pasar por un verdadeiro calvario”, dixo. “Non só teñen que fuxir da súa terra, da que son expulsados polos conflitos que atravesan, senón que ao chegar a Europa se atopan con que lle damos as costas no canto de acollelos”, engadiu.

BNG de Lugo

Por outra banda, o grupo municipal do BNG fixo un chamamento ao Concello de Lugo para que deseñe un plan de atención ante a posible chegada á cidade de "refuxiados procedentes do conflito bélico en Siria".
O portavoz nacionalista, Rubén Arroxo, afirmou que non se pode esperar á chegada de persoas refuxiadas para tomar decisións, senón que se debe facer unha previsión" por parte das autoridades municipais.

O conflicto en Siria

Catro anos despois do comezo do conflito en Siria, 230.000 persoas faleceron, delas 63.000 eran civiles e máis de 3 millóns de persoas convertéronse en refuxiadas, abandonaron as súas casas e buscaron un refuxio seguro en países veciños como Líbano, Xordania, Iraq e Turquía. Só o Líbano acolle xa en 2014 a máis de 1 millón de sirios, o que está a supor unha gran presión sobre os recursos e infraestruturas do país. Xordania alberga o que é xa o segundo maior campo de refuxiados do mundo: Za'atari, que acolle a máis de 100.000 sirios que fuxiron da guerra. Ademais, máis de 6,5 millóns de sirios están desprazados dentro do país.

Os nenos son os principais afectados por este conflito: 5,5 millóns de menores están desprazados e 10.000 faleceron por mor dunha guerra que en total se cobrou unhas 100.000 vidas.

Os sirios que foxen da violencia perdérono todo e en moitos casos só queda a roupa que levan posta. Dependen de ACNUR, (a Axencia da Organización de Nacións Unidas para os Refuxiados) e da boa vontade das comunidades de acollida para sobrevivir.

A crise siria é a maior emerxencia humanitaria á que se enfronta ACNUR actualmente. A Axencia da ONU para os Refuxiados leva tres anos ofrecendo refuxio, axuda e asistencia aos sirios refuxiados nos países veciños. Tamén distribuíu mantas e utensilios de hixiene e de cociña para facilitar a vida destas persoas nos campos e nos asentamentos de cidades como Beirut. En Líbano e Turquía, ACNUR está a axudar a que os nenos refuxiados accedan á educación.

Pero a crise está lonxe de solucionarse e os refuxiados fuxen das zona, moitos deles por mar, o que está a provocar un dos maiores éxodos dos últimos séculos. 2500 persoas morreron afogadas no que vai de ano tentando cruzar o Mediterráneo cara a Europa, que aínda non reaccionou ao chamamento de emerxencia e discuten sobre "cuotas de reparto" de acollida de refuxiados nos paises da unión sen facer efectiva a emerxencia real humanitaria.

- Parte da información recollida polo medio colaborador Galicia Confidencial