Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Sociedade Vídeo | Así abordaron o veleiro do clan dos “Peques” que navegaba cara a Galicia con 600 kg de cocaína.

Vídeo | Así abordaron o veleiro do clan dos “Peques” que navegaba cara a Galicia con 600 kg de cocaína.

Correo-e Imprimir PDF
Foto-1-velero-Galicia

O veleiro, cuxos dous tripulantes foron arrestados, pertence segundo a Policía Nacional, a unha organización de narcotransportistas galegos que foi desmantelada con outras 19 detencións en Pontevedra, Almería, Córdoba e Badaxoz

Só nos últimos tres meses, esta organización trataría de introducir en España mediante tres lanchas máis de 6 toneladas de haxix que foron tamén interceptadas

No rexistro da vivenda en Galicia dun dos arrestados os axentes acharon ademais un cultivo de 100 plantas de marihuana

A nave foi remolcada ao porto de Vigo

Axentes da Policía Nacional interceptaron un veleiro cargado con 600 quilos de cocaína que se dirixía a Galicia. Un equipo do GEO abordou a embarcación en alta mar ao nordeste das illas Azores coa colaboración do patrulleiro “Atalaya” da Armada.

O veleiro, cuxos dous tripulantes foron arrestados, pertence a unha organización de narcotransportistas galegos que foi desmantelada con outras 19 detencións en Pontevedra, Almería, Córdoba e Badaxoz, segundo informa a Policía Nacional.

Engaden que só nos últimos tres meses, esta organización trataría de introducir en España mediante tres lanchas máis de 6 toneladas de haxix que foron tamén interceptadas. No rexistro da vivenda en Galicia dun dos arrestados os axentes acharon ademais un cultivo de 100 plantas de marihuana.

O clan dos “Peques”

No mes de setembro de 2014 iniciouse a investigación sobre unha organización de narcotransportistas galegos especializados no transporte marítimo de haxix e cocaína cara á Península. As pescudas policiais centrábanse nun grupo de lancheiros vinculados ao clan dos “Peques”, quen poderían estar preparando varias embarcacións para dedicalas tanto á recolleita de haxix no estreito, como ao transporte de cocaína desde América do Sur.

Os investigadores descubriron que debido á presión policial e ás detencións que xa sufriran algúns membros da organización investigada, esta decidiu trasladar as súas lanchas e iates cara á zona sur de España, en concreto á provincia de Almería. Alí contaban co apoio de traficantes locais e coas infraestruturas necesarias para poñer en marchas as súas operacións, que apuntaban a transportar haxix desde Marrocos.

Tras varios contactos entre a organización galega e os subministradores de haxix,  así como o traslado de dous das súas embarcacións ata o porto de Almería, os narcotraficantes trataron de introducir en España durante o mes de maio tres transportes de haxix que foron interceptados polas forzas e corpos de seguridade.

En concreto tratábase de dous iates e dunha lancha que conduciron á incautación de 2 toneladas de haxix (Cartaxena), 2,9 toneladas de haxix (tamén en augas de Cartaxena) e 1,25 toneladas nas praias de Motril.

A compra do veleiro

Paralelamente ás operacións de haxix, a organización planificaba tamén a compra dun veleiro para recoller unha importante cantidade de cocaína en América do Sur e transportala ata Galicia. Así, a finais do mes de abril os narcos compraron en man un veleiro na localidade de Aguadulce (Almería).

Os investigadores pescudaron que ese veleiro atoparíase navegando polo Atlántico rumbo a Galicia cunha importante cantidade de cocaína, polo que un equipo do GEO partiu ao seu encontro no patrulleiro de altura “Atalaya” da Armada. O abordaxe do veleiro produciuse ao nordeste das Illas Azores. As dúas persoas a bordo do veleiro, ambos galegos, transportaban polo menos 24 fardos con 600 quilos de cocaína e foron arrestados polos axentes do GEO.

Dispositivo final

Trala interceptación do veleiro cargado de droga, as investigacións culminaron coa detención dos integrantes da organización en Pontevedra (13), Almería (4), Badaxoz (1) e Córdoba (1). Nun dos rexistros domiciliarios efectuados en Galicia, os axentes descubriron un cultivo hidropónico de marihuana con 100 plantas, lámpadas, equipos de rego individualizado, equipos de secado e de hidratación.

A operación foi desenvolvida por axentes do GRECO Galicia da Comisaría Xeral de Policía Xudicial, das UDYCO de Vigo e Almería, así como dos grupos de estupefacientes de Córdoba, Badaxoz e A Palma e do Grupo Especial de Operacións. Os axentes da Policía Nacional contaron coa colaboración do CITCO, a Armada Española e a NCA británica