Sábado, 20 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Sociedade Entra en vigor a 'Lei Mordaza': Organizar protestas online e en redes sociais pasará a estar perseguido .

Entra en vigor a 'Lei Mordaza': Organizar protestas online e en redes sociais pasará a estar perseguido .

Correo-e Imprimir PDF
libertad-de-expresión

A partir das doce horas desta noite entra en vigor a nova Lei de Seguridade Cidadá, a coñecida como Lei Mordaza. A norma foi aprobada hai meses no Congreso cos únicos votos favorables do PP e o rexeitamento xeral dos movementos sociais e das forzas da oposición, que se comprometeron a retirala na vindeira lexislatura e que presentaron un recurso de inconstitucionalidade. A pesar de que o Goberno suavizou algunhas das súas disposicións, a lei traerá maiores restricións para as protestas cidadáns e suporá aplicar penas máis graves para quen vulnere as -agora máis estritas- disposicións de uso do espazo público, agora máis estritas.

Ademais, a norma legaliza as devolucións en quente das persoas inmigrantes que crucen a fronteira española de xeito non legal, o que leva meses sendo denunciado polas entidades de axuda ás persoas migrantes.

A Lei Mordaza inclúese dentro da reforma do Código Penal que, tamén entra en vigor este 1 de xullo, con importantes modificacións, coma a inclusión da chamada cadea perpetua revisable, unha normativa máis estrita e con maiores penas para o maltrato animal, así como outros cambios, coma o que reduce a dous anos a condena máxima pola realización de piquetes en folga.

Pero que pode cambiar nas vidas de todos e todas a partir desta medianoite? Que cousas que facíamos antes xa non poderemos facer? Que comportamentos pasarán a estar máis perseguidos e castigados?

  • Manifestacións non comunicadas: As xuntanza ou manifestacións non comunicadas e as que teñan lugar en instalacións nas que se empresten servizos básicos para a comunidade ou nas súas inmediacións serán consideradas como infraccións moi graves "cando se xerase un risco para as persoas ou un prexuízo no seu funcionamento". A pena, de 30.001 a 600.000 euros, pode ser imposta aos promotores do acto ou aos responsables da súa organización.
  • Protestas que perturben a seguridade cidadá: A perturbación da seguridade cidadá en "actos públicos, espectáculos deportivos ou culturais, solemnidades e oficios relixiosos ou outras reunións ás que asistan numerosas persoas", así coma as perturbacións produto de concentracións ou manifestacións fronte ás sedes do Congreso, o Senado e os parlamentos autonómicos "aínda que non estiveses reunidos", pode ser castigada con entre 601 e 30.000 euros.
  • Negarse a identificarse ante un axente de policía: A desobediencia ou a resistencia á autoridade ou aos seus axentes, e tamén a negativa a identificarse cando eles o requiran será igualmente considerado unha infracción grave e polo tanto castigado con entre 601 e 30.000 euros.
  • Obstaculizar a vía pública con obxectos: Tamén terá a consideración de infracción grave (multa entre 601 e 30.000 euros) a obstaculización da vía pública con mobiliario urbano, vehículos, contedores, pneumáticos ou outros obxectos "que ocasionen unha perturbación grave da seguridade cidadá.
  • Paralizar ou obstaculizar un desaloxo. A paralización dun desafiuzamento será considerada infracción grave, supoñendo multas entre os 601 e os 30.000 euros a cada un dos participantes por "impedir que os funcionarios públicos exerzan a súa función".
  • Negativa a disolver reunións ou manifestacións: A negativa a disolver reunións, manifestacións e sentadas cando o ordene a autoridade será tamén considerado unha infracción grave.
  • Uso non autorizado de imaxes dos axentes de policía: Tamén pode ser multado con entre 601 e 30.000 euros o "uso non autorizado de imaxes ou datos" dos axentes de policía "que poida poñer en perigo a súa seguridade persoal ou profesional".
  • Faltas de respecto cara aos axentes de policía: Serán consideradas como unha infracción leve (multa de 100 a 600 euros) "as faltas de respecto e consideración cara aos axentes das forzas de seguridade no exercicio das súas funcións".
  • A ocupación do espazo público: A ocupación "de calquera espazo común, público ou privado", coma o realizado polos colectivos okupas ou polas acampadas de protesta (multa de 100 a 600 euros)
  • Pintadas: Os danos leves a mobiliario urbano, e a realización de pintadas e grafitis son tamén infraccións leves (de 100 a 600 euros de multa)
  • Retirar as vallas da Policía: Retirar as vallas da Policía que delimitan perímetros de seguridade será considerado como infracción leve.
  • Botellón en espazos públicos: O consumo de bebidas alcohólicas en espazos e transportes públicos "cando perturbe gravemente a tranquilidade cidadá será cualificado igualmente como falta leve.

Maiores restricións en Internet
Tanto a Lei Mordaza coma as modificacións que se introducen no Código Penal inclúen novas restricións no uso que se pode facer de Internet e das redes sociais, unhas limitacións e maiores condenas que foron cualificadas dende diversos ámbitos, por expertos e entidades de internautas, como un ataque á liberdade de expresión.

Organizar protestas online e en redes sociais pasará a estar perseguido, se as protestas son constitutivas de delito, segundo denuncia a Plataforma en Defensa da Liberdade de Información. Os artigos 578 e 579 castigan con penas de terrorismo a difusión de mensaxes por Internet que poidan ser considerados "enaltecemento ou a xustificación públicos" dos novos delitos ou "a difusión de consignas" que poidan incitar a outros a cometelos. Ademais, o artigo 30 da Lei de Seguridade Cidadá tamén afirma que se considerarán "organizadores ou promotores [das protestas] quen por publicacións ou declaracións de convocatoria das mesmas, polas manifestacións orais ou escritas que nelas se difundan [...], poida determinarse razoablemente que son directores daquelas"

Ademais, "acceder de maneira habitual" a páxinas web que realicen divulgación ou apoloxía do terrorismo suporá un delito segundo o artigo 575.2 do novo código penal. O castigo podería ascender a entre 1 e 5 anos de cadea.

Tamén se perseguirán as filtracións de información confidencial

Segundo o artigo 573, cando os delitos informáticos teñan como obxectivo "subverter a orde constitucional, ou suprimir ou desestabilizar gravemente o funcionamento das institucións políticas, alterar gravemente a paz pública", serán considerados tamén "actos de terrorismo". Tamén se perseguirán as filtracións de información confidencial. Segundo o artigo 197 bis, quen "por calquera medio ou procedemento e vulnerando as medidas de seguridade establecidas para impedilo, acceda sen autorización a datos ou programas informáticos contidos nun sistema informático", estará a cometer un delito informático e, por tanto, un acto de terrorismo.

Vídeo contra a Lei Mordaza

Dim lights Embed Embed this video on your site

 

Do medio colaborador Praza Pública