O 10% de persoas tituladas entre 2005 e 2010 na Universidade de Vigo traballan fóra de España

Imprimir

mapa-egresados-cuvi

O feito foi constatado por un equipo liderado polo ex-reitor, Luis Espada, que desenvolveu unha investigación na que participaron 3000 titulados e tituladas que remataron a súa carreira entre 2005 e 2010. O estudo amosa tamén que as persoas tituladas residentes en Galicia sofren os máis altos índices de desemprego e presentan unha menor proporción de traballadores/as autónomos e de empresarios/as. O desemprego afecta ao 17,9% das persoas inquiridas, oscilando por ámbitos académicos entre o 24,0% dos titulados/as nas ciencias da saúde ao 12% do tecnolóxico. O desemprego feminino (20,9%) supera ao masculino (13,3%) e o tempo medio de procura de emprego é de 13,89 meses. Con respecto ás características do emprego, o 54,3% recoñece ter un contrato de duración indefinida, o 17,9% un contrato de duración definida (temporal) e un 10,5% por obra ou servizo.


estudo-egresados-cuviDende o ano 2012, un equipo liderado polo ex-reitor da Universidade de Vigo, Luis Espada, vén desenvolvendo varios estudos para coñecer o grao de inserción laboral dos egresados e egresadas da casa de estudos, segundo dá a coñecer a oficina de prensa da casa de estudos. Este proceso culmina agora coa publicación dun terceiro estudo sobre a súa situación profesional, con datos de carácter máis persoal, no que participaron preto de 3000 titulados e tituladas que remataron a súa carreira entre 2005 e 2010.
En total, seis promocións de cada unha das titulacións dos tres campus que permiten facer un retrato da situación laboral e crear unha masa crítica de traballo para futuros estudos e colaboracións entre a Universidade e os seus titulados. Os datos recollidos neste estudo amosan que o 85% das persoas tituladas neste período exercen as súas actividades profesionais en Galicia, mentres que un 9,6% teñen a súa residencia no estranxeiro, repartidos en 37 países dos cinco continentes, sendo Reino Unido e Alemaña os estados que máis titulados da Universidade de Vigo acollen.

Así o explicou o autor do estudo, Luis Espada, na presentación que tivo lugar este mércores e na que estivo acompañado polo reitor, Salustiano Mato; o concelleiro de Facenda e Orzamentos, Jaime Aneiros e o co-autor do traballo, Víctor Manuel Martínez Cacharrón. Mato agradeceu ao Consello Social o seu apoio para este estudo, para sacar adiante esta "materia pendente que tiñamos na Universidade de Vigo, tender pontes cos nosos egresados, unha riqueza coa que temos que contar". Pola súa banda, o concelleiro Jaime Aneiros subliñou a importante capacidade da Universidade para xerar coñecemento e formación, como elemento de cohesión social, pero sobre todo para a translación de profesionais de éxito á sociedade. "Exportamos talento á contorna máis próxima e moitas partes do mundo, e isto é moi importante para unha cidade como Vigo de marcado carácter industrial e produtivo".
78.5% de taxa de inserción laboral

O reitor fixo fincapé na alta taxa de inserción laboral, xa que o 78,5% dos enquisados están traballando (o 52% empregado por conta allea na empresa privada, o 18,0% traballando para a administración pública, un 6,8% de traballadores/as autónomos/as e 1,7% de empresarios/as). "É unha satisfacción", apuntaba Mato, "ver que o índice de ocupación e moi alto, pero sobre todo é importante que traballan do seu, para o que se prepararon". E é que a taxa de titulados e tituladas que exerce a profesión para a que estudaron oscila entre o 76,6% para os que traballan en Galicia e 81% noutro territorio do Estado español. No caso das persoas tituladas emigradas nun país estranxeiro, a taxa sitúase no 95%.

Ciencias do Mar, a titulación con máis proxección internacional
O campus máis internacional é o de Vigo, xa que as titulacións tecnolóxicas, segundo destacou Espada, son as que teñen máis demanda noutros países. As carreiras con máis persoas tituladas traballando nun país estranxeiro son Ciencias do Mar (19,8%), Química (17,4%), Fil. Galega (16,7%), Enx. de Telecomunicación (16,0%), Enx. de Minas (14,7%) e Tradución e Interpretación (14,4%). Neste sentido, o reitor destacou que o feito de que sexa Ciencias do Mar a facultade con máis titulados traballando no estranxeiro responde a que "existe un déficit deste tipo de profesionais, e existe moita oferta, somos os que máis xente sabia do mar formammos e países como os escandinavos apostan por eles". No caso de Filoloxía Galega, Espada remarcou que fronte ás outras titulacións, nas que os egresados exercen do que estudaron, neste caso non traballan no seu".

En función da titulación, os egresados exercen preferentemente os seus coñecementos en distintos países: Alemaña (predominio de Enxeñaría Industrial, Enxeñaría de Telecomunicación, Ciencias do Mar e Química), México (Ciencias do Mar), Noruega (Ciencias do Mar e Enxeñaría Industrial), Irlanda (Ciencias do Mar), Estados Unidos (Enxeñaría de Telecomunicación), Reino Unido (Enxeñaría de Telecomunicación, Industrial e Minas, Tradución e Interpretación, Publicidade e RRPP).
Martínez Cacharrón destacou o feito de que as persoas emigradas a países estranxeiros presentan a taxa máis elevada de traballo para a administración. "Isto é debido fundamentalmente á súa ocupación como persoal investigador que traballa para organismos públicos". O ex-reitor Luis Espada referiuse tamén a un cambio no perfil das persoas tituladas da Universidade de Vigo, xa que fronte ao 0,5% que cursaran un mestrado en 2006, en 2010 é o 29,7%.

O 9%, altos directivos
Outro dato importante que buscaba coñecer este estudo era categoría profesional, e as respostas amosan que o 9% son altos directivos e o 21% mandos intermedios. Neste sentido, cabe subliñar que a proporción de homes con funcións directivas case duplica á de mulleres (11,3% contra 6,6%). O 70% traballa en empresas ou organismos privados e o 25% no eido público, sendo tamén maior a proporción de mulleres no sector privado que a de homes. No tocante ao tamaño da organización, entre os que traballan en Galicia predominan as microempresas (49% dos egresados), mentres que o tamaño das organizacións é maior cando traballan noutra parte do Estado ou no estranxeiro.

Os que quedan sofren os índices maiores de desemprego
O estudo amosa tamén que as persoas tituladas residentes en Galicia sofren os máis altos índices de desemprego e presentan unha menor proporción de traballadores/as autónomos e de empresarios/as. O desemprego afecta ao 17,9% das persoas inquiridas, oscilando por ámbitos académicos entre o 24,0% dos titulados/as nas ciencias da saúde ao 12% do tecnolóxico. O desemprego feminino (20,9%) supera ao masculino (13,3%) e o tempo medio de procura de emprego é de 13,89 meses. Con respecto ás características do emprego, o 54,3% recoñece ter un contrato de duración indefinida, o 17,9% un contrato de duración definida (temporal) e un 10,5% por obra ou servizo.

equipo-investigador-egre-vigo

Observatorio de egresados
O reitor da Universidade anunciou tamén esta mañá a creación dun Observatorio de egresados, que dependerá da Vicerreitoría de Estudantes e no que se concentrará a elaboración de máis estudos deste tipo a parte deste momento. Mato destacou que agora "xa contamos cunha base de máis de 3000 titulados que esperamos poder seguir ampliando" e agardan cos datos de entre 9000 o 10000 persoas tituladas nun par de anos. A idea da creación deste observatorio é estandarizar o contacto da Universidade cos seus titulados, facelo no futuro dun xeito automático, xa que como indica Luis Espada, "o máis complexo dos estudos realizados ata agora é localizalos".
O reitor destacou que ao abeiro dese observatorio crearase un club de egresados dispostos a colaborar estreitamente coa institución, unha rede con espazos de traballo para que cooperen en ciclos, conferencias, etc, e amosen a súa experiencia laboral". Ademais, subliñou, aqueles que se atopan fóra de Galicia tamén "nos serven tanto de embaixadores alá onde traballen como de antenas de visualización para identificar oportunidades para a institución".