4332 estudantes enfróntanse ao último chanzo antes da universidade: as probas da selectividade.

Imprimir
selectividadecuvi

Remataron o bacharelato e ducias de estudantes do Val Miñor viviron non sen nervios as primeiras probas da selectividade que nos tres campus universitarios desenvolveranse até o vindeiro venres. Segundo fontes universitarias hoxe no campus non era un día normal, "notábase dende primeira hora da mañá cunha maior afluencia de coches e autobuses, que achegaban aos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra aos 4332 estudantes de secundaria que esta semana se enfrontan á que é unha das probas académicas máis determinantes da súa vida: a selectividade".


A proba comezou cunha toma de contacto coas normas e recomendacións, ás 10.00 horas romperon o xeo co exame de Lingua Española e Literatura. A elixir entre a opción A: texto publicado en La Vanguardia sobre o botellón dixital, a Xeración do 98 e o Romanticismo; e opción B: un artigo de El País sobre os aeroportos como refuxio de xente sen recursos, Buero Vallejo e o Teatro Independente. Esa era a primeira barreira a romper, a do primeiro exame, que lles permite saber a que se enfrontan e deixar algúns nervios atrás.

No descanso posterior tocaba comentar as sensacións, recapacitar sobre as respostas e apurar os últimos minutos para repasar os apuntamentos da seguinte materia: Historia de España ou Historia da Filosofía.
E é que na primeira destas tres xornadas de exames, as probas corresponderon ás materias comúns, para pasar mañá xoves e o venres ás correspondentes a cada unha das modalidades de Bacharelato.
En total, en Galicia examínanse esta semana 10.627 estudantes. No campus de Vigo realizan a selectividade 2274, mentres en Pontevedra fano 1060 e en Ourense 998.