Sábado, 12 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Sociedade Concentración de repulsa ante unha nova vítima mortal da violencia machista en Galicia.

Concentración de repulsa ante unha nova vítima mortal da violencia machista en Galicia.

Correo-e Imprimir PDF
asasinato monica

Un novo presunto caso de violencia machista sacude a Galicia despois que na mañá do luns se localizara no municipio de Barro o corpo sen vida de Mónica Lorenzo López, de 38 anos e o do seu home, Daniel Carballal Moldes, de 48. Segundo dá conta Galicia Confidencial, o home realizou unha chamada na que afirmaba ter asasinado a súa muller dun disparo na cabeza e dixo que tamén el se ía quitar a vida. De confirmarse este extremo, sería a vítima número 37 en España no que vai de ano e a sexta na Comunidade galega. Este martes ás 20 horas terá lugar unha concentración de repulsa diante do MARCO de Vigo convocada pola Coordinadora  da Marcha Mundial das Mulleres.

A Garda Civil de Pontevedra investiga o caso.

Fontes do Instituto Armado sinalaron á axencia Efe que foi o suposto agresor o que ás 8:30 horas desta mañá informou telefonicamente de que matara á súa esposa dun disparo na cabeza e que o próximo que faría sería quitarse a vida.

 Unha patrulla desprazouse inmediatamente ao lugar indicado, no lugar de Vilaverde, dentro da parroquia de Portela, e no interior dun domicilio atopou o cadáver da muller, que recibiu un disparo na cabeza. Nun galpón anexo, estaba o corpo do home aforcado.

A Delegación do Goberno en Galicia informou de que non hai constancia de que a muller presentase denuncias previas. Con todo, os axentes indagan se o home matouna e a continuación suicidouse.

O machismo xa asasinou o duplo de mulleres en Galicia que en todo 2013

Adela, María Luisa, Elena, Belén, Sara e Mónica. Son as mulleres que, no que vai de ano, foron asasinadas en Galicia polo feito de séreno, sinala Praza Pública. O asasinato de Mónica Lorenzo, veciña de Barro de 38 anos, é o sexto deste 2014 e, ademais de evidenciar unha vez máis os efectos mortais do machismo, dá lugar a unha preocupante cifra: no que vai de ano as vítimas mortais das agresións de xénero xa son o duplo que en todo o 2013, segundo datos oficiais.

As bases de datos do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade amosan que, cando menos polo momento, non hai tendencia ningunha que convide a baixar a garda, máis ben ao contrario. Nos últimos cinco anos pasouse dun 2010 sen asasinatos machistas a 3 en 2011, 4 en 2012, outros 3 en 2013 e os 6 rexistrados ata este 25 de agosto. Os seis casos deste ano dan lugar a que haxa no país tantos casos como noutros territorios como Catalunya, con moita máis poboación, e un só caso máis que na Comunidade de Madrid, comunidade con máis do duplo de habitantes que Galicia.

Acto de repulsa na área metropolitana de Vigo.

“Mónica foi asasinada este luns. Con ela sumamos outra muller máis na Galiza no que vai de ano, vítima da violencia machista que paga coa súa vida a discriminación e a desigualdade que padecemos todas”, sinala un comunicado emitido  poucas horas despois do crime, pola Coordinadora Comarcal de Vigo da Marcha Mundial das Mulleres .  

Nese senso convocan á poboación a concentrarse ás 20 horas diante do MARCO ca fin de amosar  “a indignación de toda a sociedade” e  “rexeitar o cruel asasinato de Mónica e denunciar a violencia machista padecida polas mulleres e exercida contra elas polo feito de selo”.

Actos en toda Galicia

Coa mesma intención están convocadas para este martes outras concentracións en Ferrolterra, ás 20h na Casa do Concello , Ourense, ás 20h diante da Subdelegación do Goberno e en Lugo, ás 20.30h diante do Concello. Mentres que para día mércores se realizarán en A Coruña, ás 20h no Obelisco, Compostela, ás 20.30h na Porta do Camiño, e en Pontevedra, hora e lugar por confirmar.

Coa colaboración de Galicia Confidencial e Praza Pública.