Un centenar de representantes das Mareas polo Ensino Público culminaron tres días de traballo e debate coa creación de 8 equipos que desenvolverán nos próximos meses unha proposta alternativa ao modelo de ensino contido na LOMCE. Canda esta iniciativa, un plan de mobilizacións se coordinará en todas as comunidades educativas do Estado na loita contra os recortes no ensino e na procura dunha "xestión democrática" dos centros. Cunha cita para volver a reunirse en decembro, os asistentes comprometéronse a levar a debate nas diversas comunidades educativas do Estado o actuado nesta I xornada "A educación que queremos" desenvolvida no CPI de Panxón (Nigrán) do 16 ao 18 de xullo.
Liñas de traballo
As xornadas permitiron artellar as "liñas básicas" para a articulación "dun novo sistema educativo", sinalan dende o colectivo. O centenar de asistentes provenientes de todo o Estado debateron as estratexias para a superación da actual lei Wert do ensino, a organización e xestión democráticas dos centros así como a necesidade dunha comunidade educativa "aberta e inclusiva e as condicións socio-laborais do profesorado.
Involucrarán aos partidos políticos
Na asemblea final celebrada o pasado domingo decidiron continuar os traballos en decembro nun segundo encontro co obxectivo de trasladar ás diferentes organizacións políticas as propostas da "educación que queremos" para que estes as recollan nos seus programas.
Solidariedade cos colectivos de Valencia e o pobo palestino
No encontro aprobouse unha resolución de apoio aos colectivos do ensino de Valencia que nos mesmos días iniciou unha acampada en apoio ao colexio púlbico en Arcipreste de Hita de Fuenlabrada. Nun peche para pedir aulas para cativos de 3 anos e outro en apoio ás persoas "sancionadas na súa loita pola defensa de Educación Pública".
Denunciaron a vulneración dos dereitos humanos en Gaza e fixeron un chamado á solidariedade co pobo palestino.