As comisións de festas terán que solicitar unha licenza municipal para os escenarios das orquestras.

Imprimir
morgadanes3

Está sendo moi sonado estes días o apartado C do artigo 41 da lei 9/2003, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, que afecta moi negativamente ás comisións de festas. Este artigo sinala que "a celebración de espectáculos e actividades extraordinarias e, en todo caso, os que requiran instalacións de escenarios e estruturas móbiles estarán sometidas á obtención de licenza". É dicir, para armar unha festa, unha verbena, terase que presentar un proxecto completo, asinado por técnico competente, para solicitar o evento, no que se determine o axuste das festas á normativa urbanística e sectorial, e que estableza determinacións sobre prevención e seguridade en incendios. Un paso para que non están preparadas o gran número de comisións de festas do país.

Tamén teñen que presentar, entre outra documentación, plan de emerxencias, plan de auto protección, estudo da mobilidade xerada, estudo de impacto acústico e dispositivo de asistencia sanitaria. (art. 42 da sinalada lei). 

Responsables

 O artigo 58  da lei considera responsables das infraccións “as persoas físicas ou xurídicas “ nomeadamente “ os organizadores de espectáculos públicos e actividades recreativas e, de ser o caso, os técnicos redactores do proxecto ou dos certificados técnicos serán sancionados como responsables polos feitos que constitúan infraccións administrativas reguladas nesta lei”.

Sancións

O artigo 58 da devandita lei prevé multas que van dos 300 aos 30 mil euros e suspensións de actividades de ata un ano segundo trátese de faltas leves ou graves, establecidas nos artigos 54 e 53 respectivamente.  Correspóndelles aos concellos a competencia para “incoar, instruír e resolver os expedientes sancionadores “.

Na Costa da Morte xa a queren cambiar

O tema xa entra en debate político en Cee, onde o grupo local socialista presenta unha moción contra a nova lei por entender que restrinxe a celebración de festas, segundo da conta o xornal colaborador Que pasa na costa.
Sobre o tema, a concelleira de Cee, Anabel Piñeiro (PSOE) considera que "o goberno do PP continúa a crear problemas onde non os hai e, en lugar de simplificar e eliminar burocracia, coloca nunha situación moi complicada tanto ás comisións de festas como aos concellos de toda Galicia manifestando o seu total descoñecemento da realidade do noso País", segundo publica ese xornal.

Coa colaboarción do xornal Que pasa na Costa