SOS Sanidade critica a "enorme subvención" que cobrará a clínica viguesa durente, polo menos, oito anos, malia que se está a construír un hospital público.
O PP eloxiu a POVISA pese a recoñecer que é un lastre que leva anos lastrando as listas de espera do SERGAS chegando incluso a ser investigadas polo Valedor do Pobo.
O anuncio do venres de renovación do convenio entre a Xunta e Povisa non convence á Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (SOS Sanidade Pública). A plataforma carga contra un acordo que prorroga outra década o concerto con esta empresa privada, malia que en Vigo leva varios anos intentándose construír un novo hospital público.
SOS Sanidade Pública critica tamén o "oscurantismo" do acordo. A verdade é que os detalles feitos públicos pola administración son moi poucos. A Xunta apenas dixo o venrs que "trátase dun concerto de base capitativa, que establece unha cápita de 540 euros e que terá vixencia durante 8 anos, prorrogables por dous máis". En base a eses 540 euros por paciente e ano, SOS Sanidade Pública cifra en 75 millóns o custe para o tesouro público. Unha "enorme subvención pública" para unha empresa privada mentres o sistema público -o SERGAS- sufre recortes contínuos e establécense novos 'copagamentos'. O novo hospital público de Vigo debería estar listo, por moitos atrasos que haxa, antes de que se extinga o novo convenio con Povisa. SOS Sanidade pública alerta que a atención especializada seguirá en mans privadas, que ademais do canon anual poderá facturar a maiores por servizos como ciruxía.
Xa hai tempo que a Consellería de Sanidade amosa os seus rexistros de listas de espera de dous xeitos: "con POVISA" e "sen POVISA". Deste xeito, o departamento sanitario da Xunta admitía abertamente en febreiro o lastre que supón para o Servizo Galego de Saúde a dependencia deste centro privado, integrado no sistema público polo sistema de concerto e que é o centro hospitalario de referencia para unhas 100.000 persoas da área de Vigo. Nos últimos datos dispoñibles, de decembro de 2012, a lista de espera cirúrxica "sen POVISA" é de 63,6 días, pero sobe ata os 83,4 ao incorporarse o centro vigués. A razón é que o centro privado acumula esperas de 201,2 días. Malia estas evidencias, o PP aproveitou aproveitaba en febreiro un debate parlamentario sobre o novo hospital de Vigo para gabar da "calidade" de POVISA.
O pleno de febreiro abordaba unha proposición non de lei coa que o BNG apostaba por resolver o contrato público-privado para erguer e poñer a funcionar o novo centro. Un dos argumentos do Bloque para rexeitar o proxecto gobernamental é que a empresa privada que o leva adiante reduciu as dimensións do futuro hospital "para que POVISA siga tendo carta de natureza en Vigo", xa que o proxecto orixinal, do bipartito "ía eliminar a necesidade" de recorrer ao concerto coa privada", dicía Carlos Aymerich. Pola banda do PP o seu voceiro, Miguel Santalices, aproveitou a súa intervención para realizar unha acendida defensa do policlínico vigués, que mesmo chegou a ser investigado polo Valedor do Pobo a causa das súas disparadas lista de espera.As listas de espera de POVISA, que superan os 200 días, chegaron a ser investigadas polo Valedor do Pobo, un día antes da súa dimisión.