Máis de 3000€ aportaron veciños e empresas do Val Miñor para o programa "Vacacións en Paz".

Imprimir
O acto solidario coa campaña

A Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (ASGPS) sinalou como "un verdadeiro éxito" o resultado da cea-espectáculo que permitiu recadar máis de 3000 euros. O evento organizado pola sección Val Miñor da asociación e coa colaboración da Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios, desenvolveuse a pasada fin de semana nese Centro Cultural co obxectivo de conseguir fondos para o programa "Vacacións en Paz". O mesmo, permite a chegada de rapaces que viven durante todo o ano nos campos de refuxiados do Sáhara, neste caso, ao Val Miñor. Os organizadores tamén destacaron o nivel do espectáculo artístico así como a solidariedade de empresas e veciños que apoiaron con diferentes achegas a iniciativa.

Xosé Henrique Porto, delegado da ASGPS Val Miñor, manifestou en nome dos organizadores o seu agradecemento público "pola colaboración desinteresada e solidaria ´"de todos aqueles que fixeron posible o acto. No caso dos artistas, ASGPS agradece ao Grupo musical de Bacharelato do IES Auga da Laxe (Gondomar), a Asociación de Danza de Gondomar, ás Pandereteiras Teloneras de Marita, ao Cuarteto Caramuxo e mais o Grupo de Gaitas e Danza Os Irmandiños.

A organización solidaria tamén destaca os traballos e doazóns aportadas por particulares e empresas. Por último, Porto agradeceu unha vez máis a tódalas persoas que concorreron e aos que doaron a través da "fila cero", mercando a súa entrada a pesar de non poder achegarse ao acto. Nos próximos días a Asociación brindará detalles sobor unha nova campaña de recollida de alimento co fin de achegarllos aos campamentos do Sáhara. Segundo informaron dende ASGPS, "trala guerra que sofre Libia centos de estudantes do Sahara en Libia deberon regresar aos campamentos polo que se precisa alimentos con urxencia ".