Tras 23 días de mobilizacións os traballadores do Meixoeiro levantan o peche no hospital.

Imprimir
meixoeiro-2

Os traballadores do Hospital Meixoeiro decidiron na tarde deste xoves rematar co peche que mantiñan no interior das instalacións para rexeitar o desmantelamento do centro médico.

Antes de desaloxar as instalación desenvolveron un acto simbólico para poñer fin a unha mobilización que se prolongou durante 23 días.

Ao mesmo tempo emitiron un comunicado onde sinalan que "A Xunta de persoal da Área sanitaria de Vigo e a plataforma "SOS Meixoeiro" comunican á opinión pública que, na Asemblea celebrada hoxe, decidimos rematar co peche na entrada do H. Meixoeiro que se iniciara o día 1 de xuño. Facemos unha valoración moi positiva do resultado desta mobilización pois fomos quen de poñer de manifesto na cidadanía a situación do H. Meixoeiro, que non é máis que o resultado da política de recortes e privatizacións da Consellería de Sanidade".

Salientan que "a resposta diaria do Xerente da EOXI de Vigo e do Conselleiro de sanidade é o mellor indicador de que as nosas reivindicacións estaban cargadas de razón".

Os traballadores agradecen "o apoio das e dos profesionais e da cidadanía da nosa área sanitaria e tamén de organizacións e plataformas doutras áreas de Galicia".

"Tamén queremos poñer de manifesto que as repetidas declaracións do Xerente da EOXI de Vigo non fixeron máis que unir a traballadores e cidadanía no rexeitamento do modelo privatizador que nos queren impoñer".
Anuncian que continuarán coas mobilizacións "até conseguir o remate deste modelo e recuperemos a nosa Sanidade Pública, polo que durante os meses de xullo e agosto continuaremos cun calendario de accións que iremos anunciando e, se non muda a situación, retomaremos con máis forza nos meses seguintes".