Xoves, 14 Nov. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Canais Economía A Deputación de Pontevedra proxecta instalar 800 composteiros comunitarios na provincia.

A Deputación de Pontevedra proxecta instalar 800 composteiros comunitarios na provincia.

Correo-e Imprimir PDF
compost

O vicepresidente provincial, César Mosquera, insta aos concellos a buscar colectivos e asociacións cos que ir da man para aplicar a compostaxe a pequena escala nos barrios e parroquias.

O proxecto ten como obxectivo que a provincia conte con 800 instalacións de composteiros comunais ao final deste mandato. “ A intención é ir implantando de xeito gradual a compostaxe como tratamento do lixo para obter beneficios medioambientais e económicos, reducindo os custos que pagan os concellos para desfacerse dos residuos que xeran”, sinalan dende a deputación.

Mosquera aposta por iniciar o camiño da compostaxe con pequenos composteiros comunitarios, aos que leven o seu lixo orgánico grupos de entre 80 e 300 veciños de barrios ou parroquias de zonas rurais ou urbanas da provincia, sempre cunha grande implicación tanto dos concellos coma dos cidadáns.

O vicepresidente indicou que os gobernos locais deben poñer en funcionamento só aqueles composteiros que saiban que van funcionar. "Hai que buscar a implicación de asociacións de veciños, mancomunidades de montes ou colectivos que estean concienciados da importancia do proxecto e garantan que o sistema pode funcionar. Estes servirán de exemplo e servirán de arrastre para outros ", explicou, ao tempo que indicou que a creación de plantas de compostaxe de medio ou gran tamaño entrarían nunha seguinte fase só se son necesarias. O horizonte ao que se pretende chegar coa proposta dos composteiros comunitarios alcanzaría un máximo de 240.000 persoas en toda a provincia nos vindeiros catro anos.