Martes, 23 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía Un taller de reparación e venda de vehículos recibe autorización para instalarse en Porto do Molle.

Un taller de reparación e venda de vehículos recibe autorización para instalarse en Porto do Molle.

Correo-e Imprimir PDF
empresarios-taller-vheiculos

A xunta de goberno local outorga licenza para a construción dun taller de reparación e venda de vehículos seminovos en Porto do Molle

A empresa ingresa no polígono nigranés “atraída polas súas facilidades e pola próxima instalación dunha ITV”, salientan dende a administración local.

Contará inicialmente con seis empregados e dispoñerá do primeiro banco de potencia en toda a provincia de Pontevedra

A Xunta de Goberno Local do Concello de Nigrán outorgou esta semana a licenza de construción en Porto do Molle dunha nave industrial destinada a taller de reparación, chapa, pintura, venda de recambios de automóbil e vehículos seminovos. A firma, Inversiones Vigo Real S.L., instalarase na parcela 6.01 do parque nunha nave proxectada en preto de 1.400 metros cadrados de superficie e deseñada polo arquitecto Antonio Cominges. O orzamento de execución das obras é de 304,674 euros (o investimento total chega a preto do millón de euros) e espérase que estean concluídas en menos dun ano, que será cando a empresa bote a andar baixo o mando de tres socios (un deles nigranés) e seis empregados.

A idea da firma, que previsiblemente adopte o nome comercial de PdM, é combinar tres aspectos diferentes (tenda de recambios para mellorar o rendemento do vehículo, taller de reparación propio e venda de coches seminovos) xunto co gran alicente que supoñerá ter a Inspección Técnica de Vehículos á beira, xa que esta entrará en funcionamento a inicios de 2016. A particularidade desta nova empresa é que, ademais, contará co primeiro banco de potencia que na provincia de Pontevedra (en toda Galicia só hai outro en Padrón), tecnoloxía que serve para medir a potencia do vehículo tras reprogramar a centralita. “Porto do Molle é un emprazamento ideal para nós, xa que reúne gran cantidade de empresas e que terá unha ITV. Nós ofreceremos un servizo único e moi completo a todos os veciños de Nigrán e da área”, explica Enrique Beiro, un dos tres socios.

“Cada vez que unha empresa se instala en Porto do Molle atrae á súa vez a novas firmas que se dan conta das grandes posibilidades que ofrece este parque, que reúne xa a industria de tódolos ámbitos animada tamén polas facilidades que se dan, así como pola súa localización”, sinala Juan González, alcalde de Nigrán. Así, hai menos dun mes a Xunta de Goberno Local aprobaba a ampliación de Snop (supoñerá chegar aos 160 empregados) e a semana pasada a construción dunha nave para Triomachine,  especializada no deseño e fabricación de maquinaria para a industria conserveira. Paralelamente, o Concello de Nigrán anunciou recentemente a compra dunha parcela destinada a almacén municipal.

O número de empresas arrendatarias e propietarias de Porto do Molle actualmente é de 76, das cales 65 xa se atopan instaladas e xerando 517 empregos efectivos e outras 11 están en proceso de instalación e prevese que dean traballo a 231 persoas máis.