Luns, 22 Jul. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Canais Economía Pontevedra será a capital do emprendemento estatal o 25 e o 26 de setembro

Pontevedra será a capital do emprendemento estatal o 25 e o 26 de setembro

Correo-e Imprimir PDF
pup store

A falta de 20 días para que remate o prazo de inscrición, son xa 36 os proxectos impulsados por emprendedores e emprendedoras de diferentes puntos de España que formalizaron a súa inscrición no Pont-Up Store, o encontro de emprendemento impulsado pola Universidade de Vigo, que os días 25 e 26 do vindeiro mes encherá as rúas de Pontevedra de espírito emprendedor.

O número de candidaturas presentado polo de agora a esta iniciativa, que mantén aberto ata o 9 de setembro o seu prazo de inscrición, motivou que o comité organizador estude ampliar o número de stands que se ofertan de xeito gratuíto, inicialmente fixado en 32, en función da calidade das candidaturas presentadas.

Deseño, moda, complementos e decoración, comunicación, novas tecnoloxías xestión e servizos a empresas ou agricultura ecolóxica son algunhas das áreas temáticas nas que se enmarcan estes 36 proxectos empresariais, presentados por candidatos e candidatas das catro provincias galegas e doutros puntos do Estado como Madrid ou Salamanca. De aí que Pedro Figueroa, profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e director do grupo de investigación G4-Plus, impulsor do evento, faga énfase na “excelente resposta dos emprendedores” a esta iniciativa, así como na "gran variedade de propostas e a importante base tecnolóxica da maioría dos proxectos” presentados a unha convocatoria que conta co patrocinio principal do Concello de Pontevedra e o apoio do Consello Social da Universidade, Zona Franca, Abanca, Deputación de Pontevedra ou Igape.

Un escaparate para iniciativas con menos de tres anos e medio

Dirixido a dar visibilidade a novos proxectos empresariais, o Pont-Up Store está dirixido a iniciativas con menos de 42 meses, tres anos e medio, de traxectoria, que deberán superar un proceso de selección no que un comité organizador valorará aspectos como o grao de innovación, a sustentabilidade e valor social ou a creatividade da proposta de actividades e de dinamización do evento. Así mesmo, darase prioridade a candidaturas que non participaran o pasado ano na primeira edición desta feira e buscarase a diversidade de participantes en canto a produtos, servizos ou sectores.

Os emprendedores seleccionados poderán escoller entre tres modalidades de participación neste evento. Por unha banda, poderán dispor de xeito gratuíto dun stand no que dar a coñecer os seus proxectos durante os dous días do encontro. Pero tamén poderán optar por participar no apartado 10 minutos de gloria, presentando a súa idea nun formato de “dez minutos, dez imaxes” ou propoñer actividades para a súa inclusión dentro do programa do evento.

O encontro contará ademais cunhas xornadas previas entre o 22 e o 24 de setembro, nas que se desenvolverá un extenso programa de charlas, mesas redondas, obradoiros ou demostracións e nas que unha serie de relatores compartirán as súas experiencias e coñecementos cos participantes.

Nacido en 2014 no seo da IV Conferencia Ibérica de Emprendemento, o Pont-Up Store busca facilitar aos novos emprendedores e emprendedoras un espazo no que visibilizar os seus proxectos, así como a promover a cultura do emprendemento con novos formatos e espazos de integración entre os novos emprendedores e a sociedade.

Galicia Confidencial (AMEGA)