Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía Piden investigar a empresa dunha ex-cargo do PP polas deficiencias no novo hospital de Vigo.

Piden investigar a empresa dunha ex-cargo do PP polas deficiencias no novo hospital de Vigo.

Correo-e Imprimir PDF
hospital cunqueiro

Pingueiras, pequenas inundacións, e mesmo unha parte dun falso teito desplomada sobre unha paciente. Son algunhas das deficiencias que amosou nas súas primeiras semanas de funcionamento o novo hospital de Vigo, aberto parcialmente este verán e visitado ata a saciedade por cargos da Xunta nas vésperas das eleccións municipais.

Os problemas no edificio súmanse á indignación xerada por algunhas das súas 'novidades', como o aparcadoiro que obriga a pagar aos doentes e parte do persoal. Neste contexto, entre o persoal e a oposición parlamentaria multiplícanse as voces que esixen responsabilidades e unha investigación apuntando á Xunta, pero tamén a unha empresa xestionada por unha ex-cargo do PP.

É, nomeadamente, a voceira sanitaria do PSdeG, Carmen Acuña, quen pon o foco sobre Efficientia Clinical Management, unha compañía xestionada de maneira "unipersoal", subliñan, por Ana Sánchez, antiga directora médica do Meixoeiro de Vigo que desempeñou diversas responsabilidades nos gobernos populares da Comunidad de Madrid, entre eles a viceconsellería de Asistencia Sanitaria.

Dentro do novo complexo hospitalario, promovido polo sistema público-privado, o Sergas encomendoulle en maio de 2011 á empresa pública Galaria a posta en marcha da Oficina Técnica de Seguimento do hospital. Pouco despois, Galaria privatizou este servizo nas mans de Efficientia, constituída a comezos dese mesmo 2011.

Despois de que, durante estes anos, a empresa da antiga dirixente do PP fose a encargada de xestionar diversas operacións de privatización sanitaria en administracións dirixidas polo seu partido -tal e como amosa a propia compañía baixo o epígrafe "fitos profesionais"-, os socialistas ven clara a "explicación" aos "recortes sufridos polo novo hospital de Vigo". Son, lamentan, "iguais aos aplicados anteriormente pola persoas responsable agora de Efficientia Clinical Management cando tivo responsabilidades na sanidade madrileña". "Sempre o mesmo modelo: privatización de recursos, laboralización do persoal e copago por parte dos pacientes, tal e como ela mesma [Ana Sánchez] recomendou nunha Comisión do Congreso dos Deputados", resalta Acuña.

A xuízo de Acuña non é posible desligar a xestión desta empresa dos "importantes recortes" aplicados pola Xunta ao proxecto inicial do hospital "para abaratar gastos á concesionaria privada" en ámbitos como o número de camas, de quirófanos ou salas de radioloxía, "ademais do empeoramento na calidade dos materiais de construción e a perda de eficiencia enerxética". Neste contexto, a parlamentaria socialista vén de presentar unha batería de preguntas parlamentarias para tentar aclarar a situación do hospital nun contexto no que, ademais, chama o Goberno a considerar se "sería necesaria e oportuna, en aras a cumprir coa lei de transparencia e o código ético do presidente Feijóo, a creación dunha Comisión de Investigación para tratar de aclarar as sospeitas e calmar a crispación profesional e social creada ante as irregularidades detectadas na construción e coa privatización e recortes do novo hospital privado de Vigo".

Nova denuncia na Inspección de Traballo

A petición de explicacións do PSdeG cadrou no tempo coa presentación dunha nova denuncia ante a Inpección de Traballo de Vigo a respecto do hospital por parte da CIG-Saúde. O sindicato observa "cinco situacións de risco" para persoal e doentes, "a maioría" ligadas ao "deseño estrutural" do complexo, "no que non se tiveron en conta as opinións dos e das profesionais". Isto, reprochan, dá lugar a que, por exemplo, exista "falta de ventilación" ou a que haxa que xestionar a "mala decisión de situar no interior do hospital a almacenaxe de produtos tóxicos".

Concretamente, a CIG considera que no novo hospital vulnérase a normativa vixente en materia de accesibilidade de persoas con discapacidade a causa dos bolardos instalados na súa contorna. Ademais, advirten, o Sergas obvia a "gravidade que supón a falta de sinalización de evacuación" e dun plan ao respecto. Do mesmo xeito, denuncian que "a distancia aos tanques externos de subiministro de nitróxeno líquido é moito maior da recomendada por calquera normativa e o risco de fugas tamén e maior. Por último, alertan da "falta de ventilación onde se almacenan produtos tóxicos, como no servizo de anatomía patolóxica, e a mala construción do laboratorio de resposta hospitalaria, que "vulnera principios de protección e seguridade biolóxica do persoal".

Artigo do medio colaborador Praza Pública