Martes, 5 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía O novo goberno provincial quere desmontar a “política do chapapote” de Louzán en materia de infraestruturas.

O novo goberno provincial quere desmontar a “política do chapapote” de Louzán en materia de infraestruturas.

Correo-e Imprimir PDF
04-08-infraestruturas original

O goberno provincial procura "democratizar" Infraestruturas, o departamento que funcionaba directamente ás ordenes do anterior presidente, Rafael Louzán (PP) e cuxo orzamentos deixou case esgotados, segundo a nova presidencia. Engaden que o anterior goberno fixo promesas electorais que compormeten os orzamentos durante os vindeiros 7 anos. Todas serán revisadas.

A Deputación quere estender o "modelo Pontevedra" de mobilidade ao resto da provincia. A municipalización de estradas provinciais que non revisten tal carácter será promovida.

O vicepresidente provincial, César Mosquera, asegurou que "rematou a política de chapapote" en materia de Infraestruturas e que a maquinaria do parque só se utilizará para atender vías provinciais

A prol dun modelo máis integral de mobilidade

A Deputación pretende estender o 'modelo Pontevedra' ó resto dos concellos da provincia en canto a mobilidade. Así o indicou onte o deputado provincial responsable de Infraestruturas, Uxío Benítez, na presentación das liñas de actuación da súa área, na que estivo acompañado do vicepresidente provincial, Cesáreo Mosquera; do director de Infraestruturas, Manuel González Juanatey; e do asesor en materia de mobilidade, Jesús Fole.

Benítez indicou que a Deputación provincial quere ir un paso máis alá de "simplemente atender ben as estradas provinciais" e dar unha dimensión máis ampla no servizo ós concellos, cun cambio profundo na concepción do que son as vías, no tratamento que se lles vai dar e no funcionamento de toda a área de Infraestruturas e do parque de maquinaria.

O vicepresidente provincial, César Mosquera, neste sentido, explicou que "queremos introducir en toda a súa extensión o concepto de mobilidade, xa que hai moitos máis usuarios das vías públicas que os coches e, polo tanto, hai que ter en conta estas necesidades e actuar en cada vía segundo as prestacións que se demanden. Afortunadamente hoxe xa hai sensibilidade social e institucional dos concellos con respecto á seguranza viaria e outras mobilidades non motorizadas de vehículos".

Fin da "política do chapapote" nas infraestruturas
Mosquera foi claro ó afirmar: "acabouse a política de chapapote de uso discrecional" e sinalou que a maquinaria e os fondos provinciais se destinarán unicamente ás estradas provinciais facendo convenios claros e transparentes cos concellos. De feito, o grupo nacionalista da Deputación está a concretar entrevistas cos municipios nas cabeceiras das comarcas para explicar a nova política de actuación. A vindeira semana haberá un encontro no Salnés.

Louzan "mandaba" en infraestruturas e deixou as arcas case baleiras
Uxío Benítez tamén deixou claro que se abre unha etapa de "novos tempos políticos". Afirmou que nestas primeiras semanas xa visitou as instalacións provinciais da área de Infraestruturas para coñecer a situación do servizo e asegurou que tirou dúas conclusións: que o parque de maquinaria recibía ordes directas do anterior presidente (aínda que administrativamente dependía da área de Infraestruturas) e que o orzamento xa está esgotado a falta de cinco meses para rematar o ano. Só quedan uns 300.000 euros de nove millóns orzamentados e xa están comprometidos.

Democratizar o servizo
Por todo iso, Benítez salientou a importancia de democratizar o Servizo de Infraestruturas para que "non se faga un uso político e partidista" e de apostar pola mobilidade, a accesibilidade e a seguranza viaria. Lembrou que a sinistralidade é unha preocupación fundamental e que, desde a oposición, xa se levou adiante unha ordenanza de seguranza viaria.

Transferencias de vías provinciais aos concellos
Por outra banda, Benítez explicou que a transferencia das vías provinciais ós concellos será outro dos eixes a seguir. "Hai que ver os viarios que non teñen que estar nesta casa polo seu carácter municipal e urbano e verase tamén a posibilidade doutras transferencias á Xunta de Galiza", dixo.

Así mesmo, o deputado destacou a colaboración aberta para o financiamento conxunto cos concellos de obras en estradas provinciais seguindo a nova filosofía de actuación. Puntualizou que estas actuacións se incluirán no orzamento do ano que vén.

As promesas da presidencia do PP na deputación "darían para gastar sete orzamentos".
En canto ós compromisos adquiridos pola anterior presidencia da Deputación do Partido Popular cos alcaldes da provincia, César Mosquera indicou que "as promesas, ideas e acordos verbais que se fixeron en precampaña e campaña electoral darían para gastar sete orzamentos completos e dubido que chegaran". Así, confirmou que será "imposible" atender todos os requerimentos municipais e manifestou que se estudarán un por un "partindo de cero". "Hai que refacelo todo e ver que se pode facer", finalizou.

A Deputación de Pontevedra xestiona uns 1.700 quilómetros de vías provinciais, lonxitude equivalente á distancia entre Pontevedra e Bruxelas. No programa elaborado conxuntamente co PSOE xa "ían determinacións pactadas, consensuadas e escritas que xa estaban reflectidas no programa. Conceptualmente está todo claro", finalizou Mosquera.