Xoves, 25 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía #Nigrán ingresa na estratexia galega cara á industria 4.0 da man de Porto do Molle.

#Nigrán ingresa na estratexia galega cara á industria 4.0 da man de Porto do Molle.

Correo-e Imprimir PDF
juan conde zonafranca

Nesta xornada tivo lugar a inauguración en Porto do Molle da XIII Conferencia Internacional da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España. O acto celebrouse na sede da Citexvi (A Cidade Tecnolóxica de Vigo) coa presenza de Francisco Conde (Consellaría de Economía e Industria), o alcalde de Nigrán Juan González e autoridades de Zona Franca e o ámbito industrial. Na apertura do encontro, Conde salientou o rol clave que desempeñan estes parques, como o de Porto do Molle "como imáns do talento, do progreso e do emprego para a Galicia do futuro".

Engadiu Conde que a nova Industria 4.0 "cara á que camiña Galicia" terá un papel crave para a implantación das tecnoloxías da fábrica intelixente no país. Neses senso salientou o papel do Citexvi, enclavado como interface entre o coñecemento e a empresa industrial. "Necesitamos o impulso disruptivo que nos proporciona o emprendemento innovador que nace en parques como Citexvi e como Tecnópole", defendeu o conselleiro, consolidando o seu papel como "nexos de cooperación entre os centros de coñecemento e o tecido empresarial, aproveitando o potencial do talento que acumulan as nosas universidades e os nosos centros tecnolóxicos, e canalizando os seus logros ao mercado".
Impulsar esa transferencia de tecnoloxía, destacou, é unha das bases sobre as que Galicia elaborou a súa Estratexia de Especialización Intelixente, ou RIS3. No seu primeiro ano de vida, a RIS3 galega mobilizou 220 millóns de euros, dos que precisamente o 47% se focalizan na transferencia de tecnoloxía. Grazas a esa transferencia, o esforzo dos parques galegos contribuirá así, sinalou Conde, a que Galicia se sume aos cambios que, marcados pola irrupción da fábrica intelixente, xa se están a empezar a ver en Europa, e que consiga deste modo reinventar a súa industria.
Para iso, lembrou Conde, Galicia xa conta cunha "estratexia clara e consensuada con todos os axentes económicos e sociais, a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0", que ten como obxectivos aumentar o peso da industria na economía galega ata alcanzar o 20% do PIB, e creando nese mesmo período 50.000 novos empregos.
O conselleiro incidiu ademais na potenciación dos parques como polos de emprendemento innovador, "a través de proxectos nos que o Goberno galego foi protagonista, con socios de excepción como Zona Franca". Neste senso, apuntou exemplos como a aceleradora VíaVigo, coa que xunto a Zona Franca o Goberno galego puxo en marcha 20 proxectos en dúas edicións, aos que se sumarán 15 novas empresas este ano; ou a aceleradora Agrobiotech, que pon o foco sobre o emprendemento innovador en sectores como a biotecnoloxía, a agricultura e a biomasa, e coa que este mesmo ano a Xunta está a apoiar 11 iniciativas empresariais de vangarda.