Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía BNG exixe a Montoro que cumpra as sentenzas e devolva os cartos a emigrantes retornados de Alemaña

BNG exixe a Montoro que cumpra as sentenzas e devolva os cartos a emigrantes retornados de Alemaña

Correo-e Imprimir PDF
davila parlamento

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar e unha proposición non de lei na que insta ao Goberno a acatar as sentenzas xudiciais e eximir de tributar aos emigrantes retornados con pensións de Alemaña.

A deputada do BNG empraza ao Executivo a, dado o estabelecido nas sentenzas e segundo o Convenio Bilateral, eximir "a todos os emigrantes retornados de ter que tributar polas pensións percibidas de Alemaña antes do 2013, teñen ou non reclamado nos xulgados".

Davila lembra que o BNG leva máis de dous anos presentando iniciativas parlamentares de todo tipo debido á inxustiza que o Ministerio de Facenda cometeu cos emigrantes retornados, aos que sancionou, impuxo intereses de demora e "practicamente perseguiu fiscalmente por non ter tributado as pensións que perciben do estranxeiro".

O Goberno español practicou con eles a dupla imposición

Nesta ocasión a deputada do BNG alude en concreto aos caso dos emigrantes retornados con pensións de Alemaña. "É de supór que o Goberno coñecerá as diversas sentenzas que dan a razón aos emigrantes retornados que traballaron en Alemaña, e reciben pensións do país xermano. Distintas sentenzas fan valer o Tratado Bilateral entre o estado español e Alemaña, vixente até o 2012, que exime de tributación a estes pensionistas".
Explica Davila que este Tratado Bilateral para evitar a dupla imposición estivo vixente até decembro de 2012.

Polo tanto, conclúe Olaia Fernández, o Goberno "incorreu na dupla imposición e debe reparar canto antes a súa mala actuación". Neste sentido, lembra que o semana pasada aprobouse no Parlamento galego por unanimidade, a instancias do BNG, unha moción que reclama a Facenda que devolva de oficio este mesmo ano as cantidades cobradas até o 2013 en materia de IRPF aos emigrantes retornados con pensións de Alemaña.

Un acto de xustiza devolver canto antes o pagado e de oficio

A parlamentar nacionalista subliña que "aínda que o Ministerio só retrocedeu parcialmente na súa obsesión por perseguer fiscalmente aos eslabóns débis da cadea social como son os pensionistas. Xa nos tería gostado ver durante estes anos de lexislatura a mesma obcecación ministerial cos grandes defraudadores, aos que facilitou a vida con gratuitas amnistías fiscais".

En consecuencia, Davila demanda a Facenda que proceda a devolver canto antes e de oficio as cantidades pagadas por estes pensionistas até estar en vigor o Convenio Bilateral. Ademáis, exixe que se axilice o procedemento para recoñecer de oficio as resolucións de invalidez a favor dos emigrantes retornados realizadas nos paises onde traballaron e viviron".