Luns, 9 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía O Xulgado de Tui absolve a sindicalista da CIG denunciada polo xerente do San Xerome

O Xulgado de Tui absolve a sindicalista da CIG denunciada polo xerente do San Xerome

Correo-e Imprimir PDF

-O xulgado aprecia que a acción denunciada carece de relevancia penal, de acordo coas conclusións do fiscal durante a vista

O Xulgado nº 3 de 1º instancia de Tui acaba de ditar sentenza no xuízo de faltas celebrado o pasado 24 de marzo á sindicalista da CIG-Ensino Marta Dacosta, tras a denuncia presentada polo xerente do San Xerome. A sentenza é de libre absolución para a sindicalista.

O 23 de abril de 2013 o Xerente do San Xerome presentou denuncia na Garda Civil da Guarda pola colocación de carteis firmados pola CIG esixindo a readmisión de catro traballadoras e traballadores despedidos do centro o día 5 (despedimento que se fixo sen o preceptivo preaviso de quince días e argüíndo causas económicas que non se demostraron durante o xuízo en que estes despedimentos foron declarados improcedentes). O día 5 de agosto do mesmo ano, corenta días despois de que finalizasen as mobilizacións coa manifestación de 27 de xuño, o xerente amplía a denuncia presentada, especificando que se colocaran máis carteis desde abril e dando o nome da sindicalista Marta Dacosta expresamente. A CIG-Ensino xa manifestou que consideraba esta denuncia un intento de criminalizar a actividade sindical propia dun conflito da gravidade do sucedido no San Xerome Emiliani e rexeita este xeito de proceder.

Durante a vista, o fiscal sinalou que na proba que presentaba o xerente se vía un grupo de persoas, porén a única denunciada fora Marta Dacosta, ademais sinalaba que a colocación do cartel que se denunciaba fora con cinta adhesiva, feito que xa aparecía recollido no atestado da Garda Civil. Por todo isto, o fiscal propuxo a libre absolución, baseada na falta de relevancia penal dos feitos denunciados, termos en que foi ditada a sentenza.

Desde a CIG-Ensino considean” lamentábel que o Xerente e a Dirección do San Xerome Emiliani dediquen o seu tempo e os seus recursos económicos a este tipo de denuncias, en lugar de centrar os seus esforzos en loitar para que o San Xerome siga sendo o centro que foi”.

 Rexeitan  “que teñamos que vernos coa dirección da empresa nos tribunais por este tipo de temas, mais que non accedesen en ningún momento a reunirse para tratar de evitar o despedimento destes catro traballadores e que tampouco accedesen a buscar outra solución para as traballadoras e os e traballadores afectados polo ERE temporal. Non podemos deixar de denunciar que mentres se gasta tempo e recursos nestas denuncias que perseguen criminalizar a actividade sindical, algúns traballadores do Centro Especial de Emprego acumularon máis de vinte días de atraso no cobro das súas nóminas”.

Preguntan como se pode explicar que, se non hai diñeiro para manter os contratos do persoal do Centro Especial de Emprego, si o haxa para levar a unha sindicalista ante o xuíz por un feito “verdadeiramente irrelevante. Que clase de xestión do centro é esta? Teñen todos os asociados e asociadas, reais propietarios do centro, esta información?”

A CIG-Ensino considera que a xudicialización que está provocando a actual xestión do San Xerome é contraproducente para a boa marcha do centro, “o empeño en despedir a catro persoas si vai supor un quebranto económico para a entidade, pois o que demostrou o xuízo é que os despedimentos non foron por causas económicas, do que cabe concluír que, efectivamente, queríase despedir exactamente a esas persoas por teren participado nunha demanda de conflito colectivo en defensa dos dereitos que lles recoñece o convenio colectivo”.

Advirten que a estes catro despedimentos hai que sumar un quinto despedimento dun traballador da Administración “que a empresa aceptou desde o primeiro momento que era improcedente. É dicir, o San Xerome, grazas á xestión da actual dirección vai ter que desembolsar máis de 150.000 € en total”, finalizan.