O Centro de Linguas do CUVI ofrece para este segundo cuadrimestre un curso de iniciación á ensinanza de español, dirixido non só a estudantes ou titulados en filoloxía ou estudos afíns, senón tamén ao alumnado de grao ou a profesorado procedente doutras especialidades, que teña interese en orientar a súa carreira á ensinanza de español fóra do país.
A matrícula abriuse o 9 de febreiro e permanecerá aberta ata o 22 de maio. Do 1 ao 12 de xuño, en horario de de 10.00 h. a 14.00 h. na Facultade de Filoloxía e Tradución impartirase a súa docencia.
A matrícula formalizarase a través da páxina web do Centro de Linguas, onde se atopan todos os cursos e toda a información. As taxas deste curso serán de 300 euros para a comunidade universitaria e de 370 euros para o público en xeral.
Unha saída económica en tempos de crise
No ano 2011, o Instituto Cervantes de Londres viuse na necesidade, ante as demandas de numerosos estudantes, de crear un curso sobre como buscar traballo como profesor de español como lingua estranxeira. Este feito constata como a crise obrigou a moitos licenciados e licenciadas a ampliar os seus horizontes de formación para poder entrar no mercado laboral.
De feito, Mercedes Álvarez, xefa de estudos do Centro de Linguas e unha das profesoras que imparte este curso, indica que, aínda que a maioría do alumnado é de filoloxía, "tamén se matricula moita xente doutras titulacións que quere reciclarse ou que por motivos persoais marcha ao estranxeiro e pensa que traballar como profesor de español pode ser unha boa opción".
Curso acreditado polo Instituto Cervantes
Iniciación á ensinanza de ELE ofertouse por primeira vez no verán de 2011 e dende xuño de 2013 conta coa acreditación do Instituto Cervantes. A profesora Mercedes Álvarez salienta a excelente acollida que este curso tivo nos dous últimos anos entre o alumnado, "o que nos obrigou incluso a pedir permiso para desdobralo". Programa do curso e taxas
"Este é un curso de iniciación, isto significa que está pensado para xente que non ten experiencia na ensinanza de español como lingua estranxeira (ELE), nel as persoas matriculadas prepararanse para enfrontarse a unha clase de ELE tanto en España como no estranxeiro". Entre os requisitos para ser un bo profesor de español, Mercedes Álvarez explica que o ideal é ser filólogo e coñecer ben a gramática, pero "non abonda con iso, porque ensinar unha lingua non é só transmitir coñecementos lingüísticos, cómpre ter en conta todo o que rodea a esa lingua como a cultura ou os contidos pragmáticos". Precisamente este é o obxectivo deste curso, dar as ferramentas necesarias para saber como comezar a ensinar español. Nel analizaranse diferentes técnicas e procedementos comunicativos, tanto teóricos como prácticos, que existen na metodoloxía do español como lingua estranxeira e exporanse as principais competencias que un profesor ou profesora de español deberá utilizar na aula.
A profesora Mercedes Álvarez impartirá o módulo no que se explicará como programar e planificar unha clase, e que gramática ensinar. Pola súa banda, Mercedes González, profesora especializada na formación de profesores deste eido en diferentes centros, abordará como presentar o léxico e a cultura, así como o enfoque por tarefas. Xa por último, María del Carmen Méndez, autora de numerosos traballos sobre o uso das redes sociais e novas tecnoloxías nas clases de ELE, explicará que materiais didácticos existen e como se poden crear, que recursos se poden utilizar na aula e como se reflicten as novas tecnoloxías, con especial atención as redes sociais, nestes ámbitos.