Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía Comezan as xornadas sobre saúde mental e emprego no Verbum de Vigo.

Comezan as xornadas sobre saúde mental e emprego no Verbum de Vigo.

Correo-e Imprimir PDF
xornadas emprego
programa
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

Máis de 150 persoas acudirán ás VI Xornadas de Saúde Mental e Emprego

O encontro, organizado por FEAFES Galicia, terá lugar mañá martes 2 de decembro no Museo Verbum de Vigo.

Na inauguración das Xornadas intervirán Marta Iglesias (PP), deputada provincial de Pontevedra, e Isaura Abelairas, Concelleira de Benestar, Igualdade e Normalización Lingüística do Concello de Vigo.

Mañá, martes 2 de decembro, FEAFES Galicia celebra as VI Xornadas de Saúde Mental e Emprego baixo o lema “Recuperación, emprego e inclusión”. Neste encontro, no que xa están inscritas arredor de 160 persoas, diversos expertos de Galicia e doutros lugares de España intercambiarán experiencias sobre a inserción laboral de persoas con enfermidade mental.

Segundo datos da organización en Galicia hai máis de 41.500 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental, de entre as cales, menos do 5% teñen un emprego estable. Por ese motivo, “traballar pola inserción laboral deste colectivo é un labor fundamental que FEAFES Galicia quere transmitir a toda a sociedade”, sinalan na convocatoria das xornadas.

Temáticas

Estas xornadas poñen o acento sobre a importancia do emprego no desenvolvemento persoal de calquera individuo e, á vez, as dificultades ou retos engadidos cos que se atopan as persoas con enfermidade mental á hora de conseguir un traballo. As ponencias non só tratarán de expor a actualidade e as dificultades que existen neste eido senón que presentarán tamén posibles camiños ou obxectivos de futuro.

As VI Xornadas

As VI Xornadas de Saúde Mental e Emprego celebraranse no Museo Verbum de Vigo (Avd. de Samil nº 17) e contarán con diversas ponencias e mesas redondas que terán lugar dende as 09:00 da mañá ata as 18:30 da tarde. A participación é gratuíta e está dirixida tanto a persoas con enfermidade mental como ás súas familias, profesionais e estudantes relacionados coa saúde mental, o mundo empresarial e a sociedade en xeral.

Xornada inaugural

Na apertura deste encontro, o Presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, estará acompañado por Marta Iglesias, deputada provincial de Pontevedra, e Isaura Abelairas, concelleira de Benestar, Igualdade e Normalización Lingüística do Concello de Vigo.

Entre os temas que se abordarán, trataranse cuestións como os recursos sanitarios para a autonomía persoal e o emprego; modelos de emprego con apoio dende as perspectivas e cauces de futuro; novos avances nos recursos da inserción laboral das persoas con enfermidade mental a través do Programa Incorpora Saúde Mental; e o papel do emprego e a familia na recuperación das persoas con enfermidade mental a través dos Centros de Rehabilitación Psicosocial. Contarán ademais con testemuñas en primeira persoa de traballadores con enfermidade mental e de empresarios, ademais de intervencións de múltiples profesionais de diversos ámbitos da saúde mental.

Obxectivos

Un dos obxectivos fundamentais das Xornadas de Saúde Mental e Emprego é difundir boas prácticas e sensibilizar acerca da enfermidade mental, así como xerar un foro de difusión e debate social sobre as dificultades da saúde mental e a súa vinculación co emprego.

FEAFES Galicia

FEAFES Galicia, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.

O ámbito de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 30 localidades e conta cun total de 4.700 socios.