Corcoesto, Xinzo, A Fonsagrada, Santa Comba, Ordes, Cartelle, Terra Chá, Fragas do Eume ou a Serra do Galiñeiro. Son algúns dos concellos ou espazos que neste momento están ameazados por proxectos mineiros, en distinta fases e na procura de distintos materiais. En total hai na actualidade 520 proxectos mineiros activos, e o número vai en aumento polo renovado interese de moitas multinacionais por explotar certos minerais cun prezo crecente, pola falta de traballo que lles serve de argumento ás empresas para presentarse ante a poboación, e sobre todo pola connivencia do Goberno galego, que no seu Plan Sectorial de Actividades Extractivas permite autorizar minas en calquera lugar especialmente protexido.
Por todas estas razóns a plataforma ContraMINAcción convoca unha manifestación galega o domingo 2 de xuño en Compostela, co obxectivo de frear "a expansión da minaría salvaxe" e de concienciar a poboación de que non se trata de problemas locais dunha ou doutra parroquia ou concello, senón que ten dimensión nacional e que pode afectar a calquera lugar de Galicia. Xoán Doldán (Véspera de Nada) denuncia a este respecto que as empresas levan a cabo estratexias de expansión "primeiro comezan a explotación nun lugar, deprimen a economia desa zona, o que facilita a explotación de novas terras e a expansión das minas".
Todos os colectivos que conforman a plataforma denuncian que a permisividade da Xunta está permitindo "o desembarco masivo de empresas para transformar Galicia nunha mina a ceo aberto", en palabras de Doldán. A pesar dos argumentos empregados por estas corporacións de que levan a cabo "unha minaría moderna, compatible coa protección do medio, o patrimonio cultural e de transcendental relevancia na economía galega", como vén de afirmar a Cámara Oficial Mineira, a visión dos colectivos ecoloxistas e dos sindicatos agrarios é ben distinta. Iñaki Varela (Verdegaia) denuncia que este desembarco está a acelerar "o proceso de morte das zonas rurais" e Isabel Vilalba (secretaria xeral do SLG) alerta de que "se está a expulsar os habitantes das zonas rurais das súas zonas e das súas terras" por culpa de proxectos "que non deixan riqueza nas comarcas que explotan", que "duran poucos anos", pero que "provocan efectos negativos no medio que si permanecen no tempo", segundo lembra o profesor Xoán Doldán.
Todos os colectivos fixeron fincapé na "manipulación" e nas "mentiras" que están lanzando dende as empresas mineiras e dende a propia Xunta de Galicia sobre todo no relativo ao potencial conteminante destas minas e ás expectativas de creación de postos de traballo. Este mesmo xoves os socialistas Francisco Caamaño e Patricia Vilán denunciaron o "engano que se agocha tras a oferta de emprego que acompaña á presenza da mina de ouro" e acusaron a empresa e a Xunta de “xogar coa precariedade laboral existente na comarca” para acadar apoio social á mina de Corcoesto. Tamén Isabel Vilalba lembrou que Alberto Núñez Feijoo prometeu que a mina de Corcoesto crearía 1.400 empregos, cando a propia empresa fala de 270, "que tampouco son reais".
Neste senso, Iván Olmos (Plataforma Veciñal Corno do Monte) lembrou que o proxecto da mina de Feldespatos en Xinzo promete a creación de dez empregos, pero provocará a perda de 350 postos de traballo no agro. "Esas terras producen 27 millóns de euros cada ano e o 90% están activas mesmo con xente nova que comeza a dedicarse á agricultura". Pola súa banda, Roi Veres (Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños) denunciou que os veciños das zonas afectadas contan con moi pouca información "apenas se avisa os propietarios da autorización das explotacións, e nas expropiacións a empresa está ofrecendo 1,2 euros por metro cadrado por terras que se compran e se venden habitualmente por 7 ou 12 euros". Por este motivo, Veres animou os veciños das zonas ás que se vén de estender o proxecto de Edgewater a "informarse e presentar alegacións" pois "os Concellos non se enteran ou non queren enterarse. "Unha vez que están instalados é máis dificil botalos", resume Roi Veres. "O problema só remata cando se cambia a lei", conclúe Iván Olmos, "pois aínda que paralicemos un proxecto ou outro, estas empresas poderían retomar as explotacíóns en calquera momento".
Recollido do xornal colaborador Praza Pública.