A febre do ouro ameza a Serra da Groba. Un novo proxecto de minería aurífera quere aterrar no enclave na parroquia de Pinzás (Tomiño) no límite con Gondomar. A empresa Medgold conta xa cun permiso de exploración. A zona afectada conta con numerosos xacementos paleolíticos, megalíticos e calcolíticos, entre eles os xacementos arqueolóxicos de Chan do Cereixo e a mina romana do Burato dos Mouros. A empresa ten sede en Vancuver e Londres.
A empresa canadiana Medgold acaba de recibir o visto e prace para comezar novas exploracións en busca de ouro na parroquia de Pinzás, en Tomiño, un concello gobernado polo BNG.
Segundo apunta a compañía nun comunicado, o pasado 15 de marzo "completouse o proceso de solicitude" de tres licencias, tras pagar todos os "impostos correspondentes". Isto implica que xa conta cos permisos da Xunta. A área a analizar abarca 79 quilómetros cadrados, que non están suxeitos a licitación pública, aínda que a empresa agarda tamén aumentar as prospeccións a outros 14 quilómetros.
Os traballos de investigación en Pinzás comezaron en 2005 cando esta empresa recolleu mostras de rochas nas que había restos de ouro. De feito, baseáronse nos traballos previos doutra empresa na década de 1980. Medgold recolleu 21 mostras de rocha nas áreas de solicitude dos permisos.
"Pinzas Gold Project"
Por iso decidiu presentar un proxecto de licitación para o seu "Pinzas Gold Project". "Contén moitas mostras de ouro polo que promete ser altamente interesante", sinala . O seu presidente, Dan James, destaca que este proxecto marca a súa entrada en España. Actualmente, xa están traballando en varias minas en Portugal e Italia.
"Cremos que toda a rexión é altamente prospectiva. Identificamos unha zona de 14 quilómetros deformación lineal, con múltiples vetas de ouro. Agora queda rematar coas licencias das autoridades mineiras provinciais para poñer a proba o potencial desta área e identificar novos obxectivos" destaca Dan James.
A xeografía e as evidencias atopadas en Pinzás son moi semellantes ao do proxecto que Medgold iniciou en Boticas, Portugal, situada a 100 quilómetros de Tomiño, no noroeste de Portugal.
Mina Romana
Na área estudada por esta empresa atópase a mina de ouro romana máis importante da provincia de Pontevedra. Cunha extensión dun quilómetro e medio e 300 metros de ancho este xacemento denominado "O burato dos mouros" está catalogado como ben patrimonial pola Xunta de Galicia. Ademais foi xa analizado polo Instituto Geológico y Minero de España (IGME).
Na zona atópanse ademais varias mámoas tamén protexidas. A parroquia de Pinzás conta, ademais, con varios xacementos calcolíticos e paleolíticos. Algúns deles, como os do Chan do Cereixo, xa estudados,revelaron importantes achados.
Proxecto urbanístico fracasado
Precisamente, esa fermoso paraxe -que se conserva aínda case virxe- estivo en perigo hai uns anos cando unha empresa inmobiliaria pretendía realizar un macroproxecto urbanístico que afectaría a dous millóns de metros cadrados de monte protexido. Nunha parroquia na que viven 200 persoas queríase construír 800 chalés e un complexo polideportivo con dous campos de golf. A inversión estimada era de 37,8 millóns de euros.
Aínda que o proxecto contaba coa pertinente licenza da Xunta de Galicia -daquela en mans do PP de Fraga-, finalmente, a oposición veciñal e do Concello fixo inviable ese megaproxecto.
Quen é Medgold?
Esta empresa, ten sede en Vancuver e Londres. A súa estratexia pasa por converterse na empresa exploradora de ouro líder na área mediterránea, grazas aos proxectos que ten en Boticas e Vila de Rei, en Portugal; Pietratonda, Frassine e Grasceta, en Italia e os que ten previsto realizar en Galicia.
Información aportada polo medio colaborador galciaconfidencial.com