O PSOE alerta do "doble engano" do Goberno, AGE pide que se lle devolva "até o último euro" e o BNG manifestarase cos afectados o sábado en Pontevedra. O PP muda o seu congreso provincial por medo a reacción dos afectados.
O Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria (FROB) ditou hoxe as temidas 'quitas' aos posuídores de preferentes e subordinadas de varios bancos que recibiron axudas públicas da UE. Para os de Novacaixa Galicia Banco será do 43% no caso das preferentes, do 41% para os que teñan débeda perpetua e do 22% con vencemento. Os que teñan contratados productos híbridos no Banco Gallego perderán o 99,9%
Así o recolle esta mañá o xornal galego colaborador Galicia Confidencial, a noticia que xa se especulaba dende fai semáns, quentou ainda máis os ánimos dos colectivos e afectados pola estafa das preferentes e subordinadas.
Aforradores tratados como accionistas
O FROB, que en última instancia depende do Estado, executa así as ordes de Bruxelas. Malia que os aforradores son investidores e non accionistas, a UE condicionou o rescate dos bancos españois a que estes colectivos asumirán pérdidas.
A situación máis grave é para os clientes do Banco Gallego. Alí os afectados polas preferentes perderán o 50%, os da subordinarias perpetua o 39 por cento e os das subordinadas con plazo o 11%. Os que teñan instrumentos híbridos perderano case todo, o 99,9%.
Cómpre lembrar que moitos das ducias de miles de galegos que investiron nestes produtos carecían da formación e información necesaria para entender os seus riscos. A arbitraxe promovida para a Xunta só serviu para que recuperaran os cartos dunha pequena parte dos afectados.
O PP escapa de Pontevedra
Está por ver a reacción dos cidadáns na rúa. O PP de Pontevedra xa anunciou que cambiaba o seu congreso provincial dende a capital do Lérez até Silleda. Os conservadores alegan preocupación pola seguridade dos seus militantes.
O propio presidente da Xunta sufriu hoxe a presión dos estafados. Alberto Nuñez Feijóo tivo que esperar máis dunha hora para saír dun acto no parador de Baiona, en fronte do que se concentraran uns trinta estafados.
En Santiago, os cidadáns concentráronse esta mañá fronte a oficina central na Praza de Galicia sen incidentes.
Postura da oposición
O PSOE considera que supón un "doble engaono" para os afectados por unha "comercialización fraudulenta". Só despois de aceptar a quita poderán acudir a arbitraxe, que o FROB, accionista case absoluta da banca nacionalizada, "anima" a manter aos bancos.
O BNG segue a reclamar a devolución íntegra dos seus aforros. Xavier Vence, novo voceiro, estará na manifestación convocada mañá en Pontevedra. Esta protesta é o motivo real polo que o PP cambiou o seu congreso.
Alternativa Galega de Esquerda manifesta "a súa total oposición á imposición de calquera tipo de quita para os afectados das preferentes esixindo que se lles devolva ata o último euro". O deputado Antón Sánchez lembra que “estamos a falar de aforradores non inversores”.
O PPdeG non fixo ningunha valoración sobre o ditame do FROB.
Máis información completa en Galicia Confidencial