A plataforma do Baixo Miñor non cesa na súa loita e presión ao goberno e Nova Galicia Banco, en protesta pola estafa das preferentes e pola quita anunciada polo goberno central cunha perda do 40% dos seus aforros.
A agresión que sufriu o director da sucursal do Santander en Baiona, foi lanzada como unha advertencia aos políticos presentes no hemiciclo.
"Isto tiña que acabar pasando". Esta foi unha das frases máis repetidas esta mañá nos corredores do Parlamento de Galicia, onde o primeiro pleno ordinario da lexislatura foi interrompido polas protestas de persoas afectadas polas preferentes das antigas caixas galegas, aínda que cunha tensión e virulencia inéditas. A desesperación dos homes e mulleres que perderon os "aforros da súa vida" por mor dos "enganos" da actual Novagalicia Banco concretouse en seis persoas procedentes do Rosal e Santiago. Achegáronse ao Pazo do Hórreo para escoitar unha interpelación ao Conselleiro de Economía sobre a súa problemática e non foron quen de conter a súa indignación.
"Mentira!", exclamaban dende os seus asentos ante as explicacións do conselleiro de Economía, Francisco Conde, que lle respondía ao PSdeG que a Xunta actuou "dende o primeiro momento". Pero ao rematar o debate a tensión estourou. "Non vos imos deixar", "ata a morte, senvergoñas!", berraba unha muller do Rosal que antes explicara que un "directivo" da oficina da entidade na vila a convenceu para destinar ás preferentes todos os seus aforros, "dos do meu home e os da miña filla". "Nós non fomos á caixa, viñéronnos buscar á casa", relatou dende a tribuna cara ao hemiciclo un veciño de Santiago, quen antes detallara que os cartos "estafados" procedían da expropiación do seu restaurante, que tivo que pechar polo paso das vías do AVE sobre o seu terreo.
"Aquí vai correr o sangue!", clamou entre bágoas un dos afectados
"Vai correr o sangue", "un director xa foi apuñalado", advertía entre bágoas o mesmo afectado compostelán mentres, atónitos, deputados e deputadas de PSdeG, AGE e BNG contemplaban o que acontecía e, paulatinamente, ían achegándose para tentar calmar a situación. Xosé Manuel Beiras (AGE), Carmen Gallego (PSdeG), Ana Pontón e Carlos Aymerich (BNG) e, sobre todo, o portavoz nacionalista, Francisco Jorquera, lograron acougar levemente ás persoas máis alteradas. Mentres, os traballadores do Parlamento que, en condicións normais, terían desaloxado a protesta, sumábanse con xestos de agarimo á tentativa de que retornase a calma tanto na tribuna de convidados como no corredor, onde unha das afectadas padecía unha crise de ansiedade. No hemiciclo os deputados do PP xa abandonaran os seus escanos e o voceiro socialista, Pachi Vázquez, reclamáballe "comprensión" á presidenta, dada a escena de "desesperación" á que viñan de asistir.
"Non nos van amedrentar"
"Nós tamén somos cidadáns aínda que non lle votemos ao PP", din, tras coñecer que perderán, como mínimo, o 40% dos cartos
Antes dos incidentes, dos maiores que se teñen vivido nunha protesta destas características, algúns dos afectados explicaran ante a prensa os motivos do aumento da súa preocupación. "A situación é fodidísima, así de claro", resume Argimiro Martínez, afectado do Rosal que reclama a devolución dos 12.000 euros que aforrara. "Ata agora foi todo moi bonito, fixéronse cantidade de propostas durante a campaña electoral", especialmente por parte "da señora Nava Castro", actual deputada e directora xeral de Consumo na anterior lexislatura. "Comprometéronse con todos, dixeron que se gañaba o PP teríamos arbitraxe para todo o mundo". Pero agora o Goberno central anuncia que, como mínimo, perderán o 40% dos seus cartos.
Igual de desesperada amósase tamén Ana Belén Álvarez. "Que busquen onde sexan, pero non imos perder un peso". "Se ten que haber sangue, haberá sangue", como se "ten que baixar o río Miño cheo de sangue", ilustra para reclamar que os representantes políticos "deixen de discutir" e solucionen o problema. "Nós tamén somos cidadáns, aínda que non sexamos votantes do PP". "Quero os meus cartos, nada máis", xa que "o único que fixen foi aforralos". A protestas continuarán e farano "caia quen caia", asegura, porque "non nos van amedrentar".
Información recollida por PRAZA.COM
Vídeo PRAZA.COM
Dim lights Embed Embed this video on your site
Dim lights Embed Embed this video on your site