Sábado, 20 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía 200 librarías galegas atrasarán a suba do IVE no material escolar para "axudar as familias"

200 librarías galegas atrasarán a suba do IVE no material escolar para "axudar as familias"

Correo-e Imprimir PDF
A volta ao cole . Imaxe USO Hospitales by-nc-nd

A Federación de Libreiros de Galicia (FLG) vén de recomendar aos seus asociados que non apliquen a suba do IVE no material escolar, que pasa do 4% ao 21%, até o 15 de outubro para non prexudicar a milleiros de familias. Segundo a devandita federación, "un 95%" dos seus socios (uns 200) seguirá esta suxestión, unha vantaxe que se poderá coñecer a través de carteis nas portas dos establecementos que apliquen a medida.

A FLG, que lembrou que esta suba do IVE non afecta aos libros de texto, senón ao material, asegura que a campaña pretende deter o "despropósito" que se produciu durante este mes de agosto en moitos establecementos, ante a gran cantidade de familias que adiantaron as súas compras antes de que o vindeiro 1 de setembro sexa efectiva esa suba do IVE.

"Esta suba do IVE provoca que as familias estean comprando por adiantado e material que non precisan ou que non serve"

Pilar Rodríguez, presidenta da FGL, cre que "esta situación non ten sentido, xa que pode ocasionar que se compre material que non se precisa ou que non serve". Por iso, deste a asociaación recomendan aos pais que "compren o que necesiten e cando o necesiten".

As librarías "asumirán a diferenza" co obxectivo de "axudar as familias"

Así, a FGL calcula que "o 95% dos asociados non aplicarán a suba do IVE" ao material escolar, polo menos, até o 15 de outubro, mes e medio despois de que entre en vigor a medida aplicada polo Goberno central. Daquela, a Federación quixo agradecer aos "compañeiros propietarios de librarías e papelerías" que si pagarán este incremento, pero "asumirán a diferenza" co obxectivo de "axudar as familias".

Ademais, e á marxe desta recomendación efectuada aos seus asociados por parte da Federación de Libreiros de Galicia, outras librarías e papelerías galegas non adscritas a este organismo tamén anunciaron que levarán a cabo esta iniciativa, como as da localidade pontevedresa do Grove.

Doutra banda, a Federación de Libreiros de Galicia negou que a Xunta reducise as axudas á compra de libros de texto en primaria e en secundaria, que ascenden a entre 90 e 170 para os primeiros e desde 104 a 180 para os segundos. "As axudas son calcadas ás do ano pasado", afirmou o vicepresidente da asociación, Antón Pedreira, que sinalou que os pais e nais poden usar os mesmos vales que o anterior curso.

Fío da nova en Praza Pública