Domingo, 8 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía Novagalicia incentivará os seus empregados con 500 euros para evitar a fuga de clientes

Novagalicia incentivará os seus empregados con 500 euros para evitar a fuga de clientes

Correo-e Imprimir PDF
Nova Galicia Banco © NGB

O xornal dixital Praza Pública destapa a intención de Novagalicia Banco de ofrecer incentivos aos seus traballadores para frear a fuga de clientes que está sufrindo a entidade nos últimos meses. Así llelo manifestou aos sindicatos a dirección de NCG nas últimas xuntanzas mantidas cos representantes de CCOO, UGT, CIG e Csica e pola que Comisións manifestou o seu rexeitamento nun duro comunicado.

"Intentan botar a culpa da marcha dos clientes a quen non as ten;

“Intentan dar recompensas ante o deterioro dos saldos de pasivo provocados pola marcha de clientes; intentan deter esta fuga e non se lles ocorre outra cousa que ofrecer incentivos mensuais e semestrais no caso de que as oficinas sexan capaces de manter os saldos de pasivo do mes ou do semestre anterior”, explican a Praza fontes sindicais, que rexeitan as “ameazas” que se verteron nesas xuntanzas por parte da dirección, así como as medidas que consideran un “intento por botar a culpa dos problemas a quen non os provocou”.

Novagalicia quere premiar con 500 euros a cada un dos traballadores das oficinas que manteñan os saldos de pasivo

Concretamente, e tal e como aclaran as mesmas fontes, os incentivos consistirían en 500 euros por persoa a cada unha desas oficinas premiadas. Este plan de reactivación establece unha especie de clasificación de oficinas e dous tipos de incentivos. O primeiro, mensual, aplicaríase ás 30 oficinas con mellores resultados, mentres que o segundo, semestral e que abrangue até decembro de 2012, incentivaría as 50 mellores oficinas.

"Queren dar a impresión de que teñen que premiarnos con cartos para que traballemos, cando non é así"

“Queren dar a impresión de que como, ao parecer, non traballamos o suficiente, teñen que premiarnos con cartos; as cousas non son así, porque hai xente que bota na oficina desde as oito da mañá até as nove da noite”, engaden as fontes sindicais, que advirten que xa lle amosaron a súa disconformidade coa proposta á dirección da entidade, así como ao presidente, máis aínda cando moitos dos traballadores “están pendentes dun cuarto ERE na entidade”.

"A marcha de clientes non é por culpa dos traballadores, senón por problemas como o das preferentes"

Ademais, estas mesmas fontes insisten en que a marcha de clientes - “moitos deles de toda a vida”, aclaran- non é debida á falta de implicación nin esforzo dos traballadores, senón “a outras moitas cousas, principalmente ao problema das preferentes, que debería ser o que se arranxase máis rapidamente”.

“A dirección debe asumir as decisións equivocadas; é indignante que centren os seus problemas nos traballadores”, aseguran, tras advertir da “segunda lectura” deses incentivos, que tamén foi insinuada na última xuntanza: “Haberá cambios se non se cumpren os obxectivos”. Xa que logo, as centrais temen represalias en forma de despidos.

“Antes a xente viña as oficinas e plantexábache os seus problemas; agora chegan e din que marchan a outro banco e punto”, explica un traballador, que recoñece que día a día son varios os clientes que abandonan Novagalicia Banco e meten os seus cartos “no Santander ou no BBVA”.

Traballadores de NCG, Santander e BBVA recoñecen a marcha masiva de clientes cara a estas dúas últimas entidades

Precisamente, traballadores de oficinas do Santander e do BBVA en Galicia confirman a Praza que cada día gañan “clientes procedentes das antigas caixas sen facer nada”. A marcha masiva de clientes preocupa en Novagalicia, que non hai moito lanzou unha gran campaña publicitaria na que pedía desculpas polos erros do pasado e que intenta arranxar a través da arbitraxe os casos máis escandalosos da estafa das preferentes.

Fío da nova en Praza