Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Deportes Nigrán organiza a súa primeira San Silvestre Solidaria.

Nigrán organiza a súa primeira San Silvestre Solidaria.

Correo-e Imprimir PDF
san-silvestre-nigran

Inclúe proba de BTT, baloncesto, andaina, carreira para adultos e infantil e natación en augas abertas
As inscricións permanecen abertas ata o 23 de decembro ás 23.00 horas na Piscina Mancomunada de A Ramallosa e supoñen 3 euros máis 1 kg de comida
O Concello de Nigrán, xunto ao Club Baloncesto Nigrán, Sociedade Atlética Val Miñor, Peña Ciclista Val Miñor, Serviocio e Dandocancha organizan por primeira vez a tradicional cita deportiva de fin de ano 'San Silvestre', que terá lugar durante toda a mañá do 27 de decembro. Esta inclúe proba de BTT (25km), andaina de 15 km, 600 metros de natación, carreira infantil e de adultos (8 km) e baloncesto durante todo o día no pavillón. O prazo de inscrición permanece aberto ata o mércores 23 de decembro ás 23.00 horas na Piscina mancomunada de A Ramallosa e supón 3 euros máis 1 kg de alimentos non perecedoiros (as inscricións infantís son de balde). Toda a comida recadada será destinada aos Servizos Sociais do Concello para facerlla chegar ás familias máis desfavorecidas.


"Apostamos polo deporte porque é saúde, calidade de vida e permite maior interrelación entre os veciños, así que daremos continuidade a este tipo de probas que agora creamos. Se ademais unimos solidariedade a combinación xa é perfecta", sinalou o alcalde, Juan González, na presentación do evento, ao que acudiron representantes das demais entidades organizadoras.
A saída e chegada das probas será o pavillón de deportes de Panxón (en natación dende a praia á altura desta instalación) e terá Praia América como gran protagonista porque todas discorren por ela. Así, a xornada arrancará con BTT ás 9.00 horas que, cun percorrido de 25 km, pasa por Camos, Chandebrito ou o río Muíños. A continuación, ás 9.30 horas, partirá unha andaina de 15 km por toda a costa de Nigrán. Xa ás 11.00 horas comeza a proba estrela da 'San Silvestre', a carreira de adultos, que en 8 km percorre Praia América, chega ata Ramallosa e retorna (os infantís, 600 metros menores de 6 anos e 1,2 km entre 7 e 12 anos, saen ás 12.000 e 12.15 horas respectivamente). Finalmente terá lugar a proba de natación en mar aberto, que consta de 600 km nun percorrido rectangular fronte o pavillón. Ademais, durante toda a mañá haberá partidos de baloncesto.