Martes, 16 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Deportes O campión galego Aser Estévez, á cabeza do Club Ciclista Rías Baixas en Vigo

O campión galego Aser Estévez, á cabeza do Club Ciclista Rías Baixas en Vigo

Correo-e Imprimir PDF
aser-podio

Por primeira vez no que vai de tempada o Club Ciclista Rías Baixas compite na súa provincia. Será esta fin de semana polas rúas de Vigo no Díptico de Galicia. Aser Estévez, que o pasado domingo obtivo o seu oitavo título autonómico de contrarreloxo individual, capitaneará ao conxunto do Val Miñor.

O corredor guardés tamén é o vixente campión galego Élite de fondo en estrada e na súa palmarés conta con varias vitorias na cidade olívica. Sen ir máis lonxe, fai un ano impúxose na cronoescalada a O Castro. O seu gran obxectivo neste final de campaña é a Volta a Galicia que se celebra na segunda metade de setembro.

O xefe de filas da formación dirixida por Marcos Serrano estará acompañado por seis ciclistas Sub 23, todos eles da terra. Os ponteareanos Cristian Mota e Samuel Rodríguez, o redondelano Adrian Avelleira, o pontevedrés David Amado e o pacense Kevin Gómez completan a aliñación.

"O equipo está rendendo a moi bo nivel e o último exemplo foi a actuación dos Sub 23 na Volta a Palencia. Malia que temos un persoal curto e con varios lesionados, intentaremos seguir sendo protagonistas en Vigo", afirma o director deportivo da estrutura miñorana.

A 42ª edición do Gran Premio Ciclista Cidade de Vigo-Díptico de Galicia, organizado polo Club Ciclista Vigués-Autronic, arrincará o sábado pola tarde con varias probas (fondo, eliminación e esprint) para os corredores Élite e Sub 23 nun circuíto de 1.500 metros situado na Avenida García Barbón.

O domingo pola mañá a actividade trasládase ao monte de O Castro. Primeiro, disputarase unha cronoescalada de 3,5 quilómetros con saída desde Porta do Sol e a continuación unha carreira na que se darán quince voltas ao parque vigués. Espérase a participación de todos os clubs galegos da categoría, aos que se unirán equipos de Castela e León, Asturias e Portugal.