Cun cambio na xestión convocarán en setembro as axudas provincias para materiais deportivos.

Imprimir
carmela silva deo

A presidenta da Deputación de Pontevedra anuncia un novo modelo de axudas en material deportivo básico para clubs da provincia

Sinala que esta liña de axudas responde a un novo modelo de xestión do goberno da Deputación de Pontevedra baseado no lema "con todos e para todos"

Carmela Silva, anunciou hoxe que en setembro se porá en marcha unha nova convocatoria de axudas para equipar e dotar de material deportivo os clubs provinciais.

Estas axudas, que anteriormente se outorgaban mediante a libre disposición de fondos, xorden como resposta ó novo modelo de xestión do goberno provincial que ten por obxectivo gobernar, como asegurou Carmela Silva esta mañá, "con todos e para todos".

Co orzamento restante na partida de asistencia ó deporte do vixente exercicio 2015, como asegurou Silva "pouco máis de 130.000 €", vaise facer unha distribución en función das demandas de material máis urxentes para os clubs da provincia. Esta distribución, en palabras da presidenta provincial, "realizarase en cooperación e colaboración cos concellos, atendendo as necesidades e sempre tendo en conta o grao de actividade dos diferentes clubs e o número de deportistas federados.

Nun primeiro momento contactaremos cos concellos para que informen os clubs do seu ámbito municipal para formular as demandas e, unha vez detectadas, procederase á convocatoria dun concurso de subministro de material deportivo que nos permita aforrar nos procesos de adquisición e solucionar as necesidades xustificadas das entidades deportivas".

O obxectivo, tal e como subliñou Silva, "é o reparto equitativo e con extenso coñecemento público do alcance das actuacións para que todos os clubs deportivos poidan solicitar material, sempre baixo supervisión dos concellos onde se asentan as entidades deportivas e mantendo equidade entre os recursos e as demandas máis urxentes. Todo elo baixo a máxima da nova forma de xestión, que non é outra que "con todos e para todos".