Histórica actuación dos representantes do Club Ciclista Rías Baixas no Campionato de Galicia de contrarreloxo individual celebrado este domingo na contorna do hipódromo ourensán de Sandiás. Aser Estévez e Aida Valiño subiron ao máis alto do podio nas categorías Élite e Xoel Dias obtivo a medalla de bronce en Sub 23. Os dous títulos logrados polo conxunto de Nigrán únense ao dobrete do pasado mes de xuño na proba autonómica de fondo en estrada, o que confirma á entidade presidida por José Luís Chamorro como unha das grandes referencias deste deporte a nivel galego.
Aser acada seu 8º título
A vitoria de Aser Estévez resultou incontestable. O guardés ofreceu un recital para sumar o seu oitavo título amateur nesta especialidade e revalidar a súa hexemonía por terceiro ano consecutivo. Nun circuíto totalmente plano de 17 quilómetros, o xefe de filas do equipo Élite do Val Miñor investiu un tempo 22 minutos e 17 segundos, avantaxando en case un minuto ao segundo clasificado Sergio Míguez (Supermercados Froiz). O terceiro posto ocupouno Alejandro Magallanes (Bici O Con).
O actual campión galego de fondo en estrada foi de menos a máis no circuíto ourensán. Non tivo as mellores sensacións de inicio, pero voou no tramo final logo dun xiro no quilómetro sete onde o vento, que soprou moi forte, pasaba a pegar na faciana. Entrou na liña de meta a piques de dobrar ao segundo clasificado Sergio Míguez.
Aida Valiño volve con máis forzas.
Tamén se exhibiu na proba feminina Aida Valiño. A lucense asinou unha vitoria moi especial ao ser a primeira que consegue tralo accidente que sufriu a finais de abril. A corredora do Club Ciclista Rías Baixas demostrou que está totalmente recuperada e que volveu con máis ilusión que nunca.
O seu rexistro de 26:10 rebaixou nun minuto e quince segundos ao da segunda clasificada María Jesús Barros (Spol) e en case tres minutos ao da terceira Lorena Sanín (Cambre Renault Caeiro). É o terceiro título autonómico de Valiño nesta modalidade.
O botín da formación miñorana completouno Xoel Dias coa súa terceira posición en Sub 23. O vigués, debutante este ano na categoría amateur, quedouse a sete segundos de Adrián Vales (Spol) e a dezasete de Diego Somoza (Cambre). David Amado, tamén do Club Ciclista Rías Baixas, foi décimo.