O alcade de Nigrán, Juan González, e o concelleiro de Deportes Luís Sanromán recibiron hoxe no Concello a Pablo Denis, deportista de elite de Priegue e operario municipal que o venres parte cara a Castellón para participar nos Campionatos de España de Atletismo na modalidade de lanzamento de martelo.
No acto estivo tamén presente José Miguel Brandón, xerente do ximnasio Plaza Fitness co que, grazas a mediación do Concello, o mozo de 24 anos acaba de asinar un acordo de patrocinio que lle permitirá adestrarse neste espazo sen necesidade de trasladarse a Vigo ou desembolsar cartos do seu peto.
Os tres desexáronlle a mellor das sortes e o alcalde entregoulle unha camiseta co emblema de Nigrán. "É un orgullo para Nigrán contar con estes deportistas de elite e o Concello ten que estar sempre ao seu lado para axudalos e apoialos, engadiu González".
Pablo Denis forma parte actualmente da Agrupación Deportiva Marathon de Madrid pero comezou a súa andaina na Sociedade Atlética Val Miñor, descubrindo aos 11 anos o lanzamento de martelo grazas ao seu adestrador José Manuel Hermida, ao que permanece unido dende entón (Hermida está considerado como un dos mellores adestradores nacionais, sendo tamén lanzador profesional na súa xuventude). Xa ese primeiro ano Denis se proclamou campión galego, logro que obtivo en prácticamente tódalas categorías chegando a ser campión de España cadete. Actualmente Pablo Denis, cun record persoal de 66,22 metros, é o oitavo mellor lanzador de todo o país e o segundo de Galicia por detrás de Isaac Vicente, compañeiro de entrenos con Juan Hermida e considerado o mellor da historia da comunidade.
O atleta traballa polas mañás como peón forestal do Concello de Nigrán e polas tardes adestrase ao longo dunhas tres horas, principalmente nas pistas de atletismo de Balaídos e agora tamén no ximnasio Plaza Fitness de Nigrán. "Competir cústame os cartos, é moi difícil adicarse profesionalmente a isto porque é un deporte minoritario, se fose o octavo mellor de España en fútbol outra cousa sería. Esta mediación do Concello para ter un ximnasio é a primeira axuda que recibo", comenta Denis, quen espera lograr algún título no actual campionato ao que se enfronta esta fin de semana.
Â