Alejandro Santos do Rías Baixas entra no Top 10 da primeira cita montañosa da Volta a León

Imprimir
alex leon

O xefe de filas do Club Ciclista Rías Baixas na Volta a León aguantou cos elixidos no primeiro contacto serio coa montaña. Alejandro Santos ocupou a décima posición ao termo da etapa entre La Bañeza e La Baña, de 125 quilómetros con catro ascensións puntuables. O actual campión galego Sub 23 sobe ata o undécimo posto na xeral a falta de dúas xornadas para o final.


A terceira etapa resultou tan selectiva como se prevía. Un pelotón de 25 ciclistas presentouse á fronte da carreira no último porto do percorrido, o Alto da Gobernada, coa cima situada a pouco máis de cinco quilómetros de meta. Cristian Rodríguez (Caja Rural) foi o máis forte con moita diferenza, adxudicándose a vitoria e asaltando o maillot amarelo. Santos demostrou o seu gran momento de forma e as súas calidades como escalador para terminar décimo, a catro minutos do vencedor, e dar un gran salto na xeral.

Mañá, nova cita coa montaña nesta rolda reservada para corredores menores de 25 anos. A penúltima etapa, que partirá de Folgoso da Ribeira, presenta un trazado de 139 quilómetros con dúas ascensións previas ao final no alto do Castillo de Cornatel.