Alejandro Santos lidera ao Club Ciclista Rías Baixas na Volta a León

Imprimir
Alex-galego

Cunha aliñación composta integramente por corredores galegos, o Club Ciclista Rías Baixas participará a partir de mañá martes na Volta a León. Alejandro Santos, vixente campión autonómico Sub 23, exercerá de xefe de filas do conxunto que dirixe Marcos Serrano nesta competición reservada para menos 25 anos.

O porriñés estará escoltado por dous compañeiros que veñen de pisar podio durante o último fin de semana: Samuel Rodríguez, como ganador da montaña na Volta a Zamora e Cristian Mota, segundo clasificado no Trofeo Luís Sánchez Huergo en Xixón.

A unha das citas máis relevantes do calendario amateur, Santos chega nun gran momento de forma. Fai dez días brillou na Volta a Ávila, onde finalizou sétimo na clasificación xeral. A pasada semana unha caída no túnel da Canda truncou as súas aspiracións na etapa reina da Volta a Zamora cando circulaba por diante do pelotón.

Os outros catro compoñentes da estrutura miñorana en terras leonesas serán David Pérez, Kevin Gómez, Adrián Avelleira e Xoel Dias. A organización desta volta conformou un cartel con dezasete equipos para celebrar a súa edición número 26.

Esta rolda consta de cinco etapas. Mañá pola tarde arrincará cun percorrido de 132 quilómetros entre as poboacións de Cembranos e Calzada del Coto. O venres celebrarase a xornada reina con final no porto de montaña de Castillo de Cornatel e o sábado poñerase o punto final cunha contrarreloxo individual de 15,3 quilómetros en Benavides de Órbigo.

A presenza do Club Ciclista Rías Baixas en León, do mesmo xeito que a semana pasada en Zamora, Xixón e Guipúzcoa, é posible grazas á axuda prestada por Autos Rosas. O concesionario vigués puxo a disposición do equipo un vehículo para desprazarse a estas carreiras trala grave avaría sufrida pola furgoneta propiedade da entidade do Val Miñor.