Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Deportes Hugo Ribeiro e Ana Pérez García-Picher gañan na V travesía a nado Costa Serena

Hugo Ribeiro e Ana Pérez García-Picher gañan na V travesía a nado Costa Serena

Correo-e Imprimir PDF
Ganadora-800-Ana-PErez-Garcia-Picher
Foto-travesia
Ganador-4000-Hugo-Ribeiro
  • Anterior
  • 1 of 3
  • Seguinte

Preto de 500 nadadores do Noroeste peninsular, con idades entre os 5 e 72 anos, participaron o domingo na competición celebrada en Praia América, Nigrán. Hugo Ribeiro e Ana Pérez García-Picher gañan na V travesía a nado Costa Serena nas probas de 4.000 e 800 metros, respectivamente


Preto de 500 nadadores de Galicia, Asturias, Castilla-León, Navarra e Portugal, con idades comprendidas entre os 5 e os 72 anos, participaron este domingo na V travesía a nado Costa Serena-Concello de Nigrán, que congregou a miles de persoas. En total, disputáronse dous percorridos de 4.000 e 800 metros e dúas probas para nenos de 50 e 150 metros, a principal novidade desta edición.
A travesía bateu este ano a súa récord de participación e consolídase como unha das competicións con maior afluencia de nadadores da Comunidade Autónoma.
O nadador portugués Hugo Ribeiro, cun tempo de 43:44, impúxose na categoría masculina na proba de 4.000 metros por diante de Diego Sotelo Fernández (49:02) e Manuel Castro Rodríguez (49:08). Pola súa banda, na categoría feminina, a vencedora foi a nadadora portuguesa Soraia Ribeiro, cun tempo de 50:14. En segunda posición chegou Ester Valiño (52:20), completando o podio Branca Labandeira, cun tempo de 59:13.
O percorrido de 4.000 metros, que contou cunha participación de 321 nadadores, consistiu nun triángulo de 4 quilómetros de distancia con saída e chegada nas inmediacións do posto de Protección Civil de Panxón. Os nadadores tiveron que chegar ata a baliza de Cabezo de San Juan, situada aproximadamente a 1,5 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal.
No percorrido de 800 metros impúxose Iván Fernández Novoa, cun tempo de 11:31 na categoría masculina, seguido de David Martínez Argiz (13:10) e Jaime Sánchez Aragón (14:09). Na categoría feminina, gañou Ana Pérez García-Picher (10:56) superando a Alicia Conde Pazó (11:07) e a Ana Cotos Suárez (12:17). Esta proba disputouse en paralelo á costa e contou cun total de 79 participantes, moitos dos cales iniciáronse na competición de augas abertas nesta travesía. A saída arrincou desde a canle principal de entrada e saída das embarcacións e a chegada á beira do posto de Protección Civil de Panxón.
En total entregáronse 14 premios aos tres primeiros clasificados das dúas categorías (masculina e feminina) dos dous percorridos, ademais dos premios especiais ao nadador máis novo (Jaime Sánchez Aragón) e máis veterana (Isabel Moral Louro). Ao acto de entrega dos premios asistiu o alcalde de Nigrán, Juan González.
Como novidade, nesta edición celebráronse dúas probas de curta distancia (50 e 150 metros) nas que participaron preto de medio centenar de nenos entre 5 e 13 anos.
Ao finalizar, todos os participantes puideron gozar dun aperitivo e un xeado grazas á colaboración do Praia Club Nigrán e Frigo, respectivamente. Tamén recibiron unha camiseta conmemorativa da travesía.
A proba estivo organizada pola empresa Atlantic Extrem Sports, en colaboración co Concello de Nigrán, o club deportivo Tumetapersonal, a Deputación de Pontevedra e outras firmas comercias.