Martes, 21 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Deportes Fin do “Rías”: Miguel Fuster gaña con autoridade o 51º #RallyeRíasBaixas. Iván Ares foi segundo.

Fin do “Rías”: Miguel Fuster gaña con autoridade o 51º #RallyeRíasBaixas. Iván Ares foi segundo.

Correo-e Imprimir PDF
28 0

O actual líder do campionato de España de rallyes de asfalto non cede. Miguel Fuster adxudicouse tamén a vitoria na cuarta proba puntuable do Nacional con total autoridade. Seis anos logo do seu último triunfo no Rías , Fuster volveuse a subir todo o máis alto do caixón do pódium da proba organizada pola Escudería Rías Baixas.

O piloto alicantino levantouse ao liderato da xeral do 51º Rallye Rías Baixas no primeiro tramo e xa non se baixou del en toda a carreira. Fuster asinou cinco scratch (TC 1 Chenlo-Morgadáns, TC 2 e 4 Nigrán, TC 5 Fornelos, TC 9 Maceira), catro segundos e un terceiro posto (TC 10 Santa Marta).

Fuster comezou a segunda etapa como terminou a primeira, anotándose o scratch e ampliando a súa vantaxe sobre un Sergio Vallejo que só conseguía marcar o terceiro mellor crono e que vía como Iván Ares metíase de cheo na pelexa pola vitoria. O Porsche do equipo coruñés confirmaba as súas intencións facendo o mellor tempo na seguinte cronometrada e superando por primeira vez no rallye a Sergio Vallejo.

Coa carreira totalmente encarrilada para Miguel Fuster, o interese da proba centrouse no man a man que mantiñan os Porsche de Ares e Vallejo por terminar o Rías no segundo caixón do pódium. Vallejo recuperou esa praza adxudicándose o scratch na segunda pasada por Fornelos (TC 7) pero no seguinte tramo Ares fixo o propio e volveu superar ao lucense.

Nos dous últimos tramos, Sergio Vallejo asinou mellores cronos que o piloto coruñés, un segundo posto en Maceira e o scratch en Santa Marta, pero o tempo que lle recortou a Iván Ares non foi suficiente para superarlle na clasificación. Ao final separáronlle cinco décimas.

Cuarto da xeral, a 2.27.5 do líder, finalizou Pedro Burgo que sufriu varios problemas mecánicos no seu Porsche durante todo o rallye e pronto se quedou sen opcións de pelexar por estar no pódium.

Cristian García ocupou o quinto posto da xeral e foi o mellor dos vehículos da Mitsubishi Evo Cup. Jonathan Pérez viuse relegado á segunda posición tras perder máis dun minuto na segunda pasada polas Neves e ser incapaz de recuperar o tempo nos últimos dous tramos do rallye.

Na Copa R3T, Fran Cima mostrouse moi superior durante todo o rallye e ao final avantaxou ao portugués Joao Ribeiro en 3.07.3.

Entre os R2, o mellor do Rallye Rías Baixas foi o Peugeot 208 R2 de Víctor Senra que avantaxou ao segundo, José Luís Peláez, en case 5 minutos. Esteban Vallín, que mantivera unha bonita loita con Senra ata o TC 7 viuse obrigado a abandonar na segunda pasada polas Neves por problemas mecánicos no seu Opel Adam R2.