O principal radio de acción era a cidade de Vigo e os concellos limítrofes segundo os primeiros informes achegados pola Garda Civil. Os detidos, 3 persoas de nacionalidade albanesa, desprazábanse cun automóbil con matrícula de Albania na procura de vivendas unifamiliares ás que vixiaban tomando nota dos hábitos dos habitantes. Os roubos cometíanse habitualmente na franxa horaria das 19 ás 23 horas.
O seu obxectivo principal era a apropiación de diñeiro en efectivo, xoias, telefonía móbil e aparellos informáticos como ordenadores portátiles e tabletas. Tras cometer varios feitos consecutivos, desprazábanse a Madrid para desfacerse do botín e evitar así ser vinculados cos feitos descritos.
Nun destes desprazamentos, realizado o pasado día 8 de marzo, a Garda Civil procedeu á súa detención cando circulaban pola estrada da Coruña á altura do Escorial (Madrid), achándose no vehículo que utilizaban un dobre fondo habilitado onde ocultaban decenas de xoias e diñeiro en efectivo, así como varios ordenadores portátiles, tabletas e smartphones que transportaban entre a súa equipaxe.
Puido saberse que os detidos residían nunha vivenda alugada na cidade de Vigo, desde onde se desprazaban a distintos puntos da provincia para cometer os ilícitos.
As investigacións, iniciadas en Galicia, desenvolvéronse nas provincias de Pontevedra e Madrid no marco da operación SAVIA.
As investigacións iniciáronse no mes de decembro de 2014, cando a Garda Civil detectou un aumento da comisión de roubos con forza en domicilios, principalmente vivendas unifamiliares, situadas en zona rural e urbanizacións de distintas localidades da provincia de Pontevedra.
Os detidos de nacionalidade albanesa, que corresponden coas iniciais E.B. e A.J. nacidos ambos en 1985, e A.H. nacido en 1988, foron traslados de Madrid a Pontevedra para realizar a entrada e rexistro no domicilio que ocupaban na cidade de Vigo (Pontevedra) e posteriormente pasar a disposición xudicial.
Con esta actuación, a Garda Civil dá por desmantelada un dos máis activos grupos criminais dedicados ao roubo en vivendas que nas últimas datas viñan actuando na provincia de Pontevedra.
A operación, dirixida polos Xulgados de Instrución número 1 e 8 de Vigo (Pontevedra), foi levada a cabo por especialistas na loita contra o crime organizado da Garda Civil con sede en Pontevedra, apoiados durante a fase de explotación por outras Unidades do mesmo Corpo da provincia de Madrid.