Martes, 16 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Deportes Longa vida ao Gondomar C.F.

Longa vida ao Gondomar C.F.

Correo-e Imprimir PDF
gondomarcelta-1415-jordan

O Celta gaña 1-4 o XXX Trofeo Conde de Gondomar, que serviu para celebrar os 100 primeiros anos do club do Val Miñor. 'Toto' Berizzo deu descanso ao once titular do Xetafe.
Como se di nestes casos, o resultado era o de menos. Despois de participar no verán nos 100 anos do Rápido de Bouzas, tocoulle a quenda ao Gondomar, que contou coa participación do Celta para celebrar o seu primeiro centenario. Gañaron os célticos a 30ª edición do Trofeo Conde de Gondomar, tras vencer aos locais por 1-4, con goles de Charles, Santi Mina, Samu e Borja Iglesias, de penalti. O tanto do Gondomar foi obra de Alejandro.

O adestrador Toto Berizzo reservou a todos os titulares que xogaron fronte ao Xetafe e levou a Gondomar a nove xogadores do primeiro equipo, que saíron de inicio, e 13 do filial. Abriu o marcador o brasileiro Charles, pero axiña empatou Alejandro no minuto 10. Antes do lecer, o partido quedou sentenciado, cun gol de falta espectacular de Santi Mina, ausente na primeira convocatoria, e o terceiro de Samu.
O Celta fixo numerosos cambios nos vestiarios, pero seguiu tendo as mellores ocasións, aínda que tamén o Gondomar tivo as súas, ben resoltas polo meta Óscar Santiago, que entrou no minuto 64 por Rubén Blanco. O compostelán Borja Iglesias fixo o seu primeiro gol co Celta e pechou o marcador (4-1) e aínda rematou outra ao pau.
A actualidade do Celta nesta semana pasa polas renovacións. A boa situación económica permite ao club presidido por Carlos Mouriño firmar contratos ben longos cos seus xogadores. Trala renovación do dianteiro Manuel Agudo Nolito, chegaron esta semana as de Borja Fernández e Hugo Mallo. Todas por cinco tempadas.
Ficha técnica:
Gondomar CF: Ismael; Pablo, Villa, Ferro, Borja Villaverde, Cholo, Jaime Agujetas, Víctor Pousadela, Diego, Alex e Nico. Tamén xogaron Michael, Iago González, Diego, Javier, Silvio, Iago Vázquez e Mario.
Celta: Rubén Blanco; Hugo Mallo, David Costas, Sergi Gómez, Samu; Radoja, Madinda, Jordan, Augusto; Santi Mina e Charles. Tamén xogaron Borja Domínguez, Javi Rey, De Amo, Casas, Brais Méndez, Pape Diop, Thaylor, Borja Iglesias, Julio, Fernán e Óscar Santiago.
Goles: 0-1: Charles (4'); 1-1: Alejandro (10'); 1-2: Santi Mina (21'); 1-3: Samu (.35'); 1-4: Borja Iglesias, de penalti (80').
Incidencias: partido da XXX edición do Trofeo Conde de Gondomar, arbitrado polo galego Eduardo Rivera e disputado no campo das Gaiandas ante 2.000 espectadores.

Do xonral colaborador Galicia Confidencial