Jacobo Ucha do Club Ciclista Rías Baixas vence no Circuíto Festas de Lousada en Portugal

Imprimir
ucha rias baixas

O Club Ciclista Rías Baixas viviu unha xornada histórica ao conseguir a súa primeira vitoria nunha proba Élite-Sub23 na súa segunda tempada nesta categoría. O triunfo chegou no calendario portugués e asinouno Jacobo Ucha. O corredor porriñés impúxose no Circuíto Festas de Lousada organizado pola Asociación Ciclista de Oporto. O representante da entidade do Val Miñor alcanzou en solitario a liña de meta logo de ser o gran protagonista desta clásica practicamente desde o bandeirazo inicial. Ucha filtrouse na fuga que se formou na quinta das 30 voltas que os participantes tiñan que completar a un circuíto de case tres quilómetros.

Ao paso polo ecuador da proba a escapada quedou reducida a un terceto composto polo corredor do Club Ciclista Rías Baixas, Justo González (Cambre Caeiro) e Cristian Vidal (Aluminios Cortizo). O ataque definitivo do corredor de Budiño produciuse a falta de cinco voltas e a marxe obtida permitiulle saborear a vitoria nos metros finais.

Jacobo Ucha estivo escoltado no podio de Lousada por Justo González e Adrián Vales (C.C. Spol). David Pérez, debutante na categoría, completou un resultado inesquecible para o conxunto miñorano finalizando quinto.

Este triunfo premia a gran tempada que está asinando este porriñés de 21 anos. Nos últimos dous meses logrou a medalla de bronce no Campionato de Galicia de fondo en estrada Élite-Sub23 e finalizou sétimo na proba en ruta do Campionato de España Sub23 en Ponferrada. A pasada semana xa se quedou moi preto da vitoria ocupando a cuarta praza na segunda etapa da prestixiosa Volta a León.