Mércores, 9 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Deportes Andrés Torres da A.D. Vincios acada unha medalla de prata no Campionato de España de tenis mesa.

Andrés Torres da A.D. Vincios acada unha medalla de prata no Campionato de España de tenis mesa.

Correo-e Imprimir PDF
Antequera-2014 Equipo 01

-Andrés Torres, da A.D. Vincios, subcampión de dobres alevíns no Campionato de España de tenis de mesa celebrado en Antequera
-Un total de 13 deportistas representaron á Agrupación na competición máis importante do calendario estatal
A cidade de Antequera (Málaga) acolleu, recentemente, os campionatos de España de tenis de mesa de todas as categorías desde benxamín ata absoluto, nos que participaron máis de 2000 xogadores e xogadoras de todos os clubs existentes a nivel do Estado.


A pesar do esforzo económico que supuxo, a A.D. Vincios de tenis de mesa acudiu a esta cita cunha importante representación. Un total de 13 deportistas da agrupación das categorías benxamín, alevín, infantil, xuvenil e sub-23 competiron na proba máis importante do calendario estatal.
O resultado máis destacado foi a medalla de prata acadada polo xogador alevín Andrés Torres na proba de dobres facendo parella co burgalés Miguel Núñez. Na proba individual non puido pasar dos oitavos de final tras caer derrotado nun axustado partido por 3-2 contra o madrileño Gonzalo Herranz.
Ademais desta medalla, o club gondomareño accedeu en varias probas ás roldas finais. Así, en equipos infantís masculinos e femininos chegaron ata os cuartos de final e en individual feminino benxamín con Luísa Pintos, en dobres masculinos infantís con Anxo Iglesias e Jorge Larrondo e en dobres sub-23, Martín Pintos facendo parella co burgalés Peña, acadaron os oitavos de final.
Esta competición puxo o punto final á tempada. A A.D. Vincios obtivo varios títulos a nivel galego pero o éxito máis importante foi a consecución do ascenso a división de honor co Vincios Bade feminino.
A pesar dos atrancos económicos, o club ten o firme compromiso de seguir consolidándose como unha das máximas referencias deportivas do Val Miñor e é por iso que xa se encontra planificando a vindeira tempada onde lle agardan importantes retos como son a Liga de División de honor feminina e o ansiado obxectivo de volver a colocar o equipo masculino tamén na elite do tenis de mesa español.
Desde o Concello de Gondomar quérese trasladar os seus parabéns e máis sinceras felicitacións a Agrupación por estes grandes resultados e anima a continuar co bo traballo que realizan tanto os xogadores/as como o corpo técnico e directivo.