Martes, 5 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Deportes Comezaron as Vodas de Ouro do Rallye Rías Baixas

Comezaron as Vodas de Ouro do Rallye Rías Baixas

Correo-e Imprimir PDF
6 0

Este xoves, durante dez horas, os equipos participantes están a recoñecer os tramos en coches dotados de GPS.

A primeira xornada oficial do 50º Rallye Rías Baixas estivo dedicada á entrega de documentación aos pilotos participantes e ao recoñecemento dos tramos. Entre as 9 e as 10 da mañá deste xoves cada un dos equipos que confirmaron a súa presenza na proba recibiron no Recinto Feiral de Cotogrande o libro de ruta do rallye. E co road-bock na man os pilotos comezaron  a xornada de recoñecementos a cada unha das cinco categorías que compoñen esta proba. Todos dispoñen de doce horas para comprobar o estado do asfalto e tomar boa nota daqueles aspectos a ter en conta das zonas de paso que lles poden facer gañar ou perder un tempo importante durante a competición. Poderán dar tantas pasadas como o desexen pero terán que facelo en vehículos non de competición, dotados cun sistema GPS, para estar localizados en todo momento pola organización. Ademais terán que respectar os límites de velocidade da estrada.

Doutra banda, ás seis de tarde abriuse o Parque de Asistencia en IFEVI para que os equipos poidan acomodar os seus carpas, camións e vehículos no seu lugar correspondente.

Paneis informativos ao longo do IFEVI e retrospectiva de vehículos de competición

Durante este xoves, a empresa porriñesa de comunicacións TRC Datos Norte tamén colocará no IFEVI distintos paneis electrónicos a través dos cales ofrecerá todo tipo de información relacionada co rallye durante os dous días de competición. Grazas a este novidoso sistema de comunicación, os que se acheguen ata o Recinto Feiral de Cotogrande poderán estar puntualmente informados de como marcha a clasificación, dos tempos que conseguen os pilotos en cada tramo e ata poderán ver vídeos dalgunha das pasadas a esas especiais. Todo iso mentres visitan as distintas zonas do recinto feiral.

No hall de entrada, o concesionario Renault de Vigo, Rodosa, instalará un parque pechado de vehículos de competición da marca que non deixará indiferente a ninguén. É unha mostra retrospectiva de coches de carreiras de entre os anos 1970 e 2000 que en moitos casos marcaron unha época dentro do mundo do motor.

A entrada para poder acceder ao IFEVI durante os tres días e gozar de todo o que se move en torno a unha proba do Campionato de España de Rallyes de Asfalto, costa tan só catro euros.