Os relatos, artigos e reflexións que durante máis dunha década deste século XXI publicou o historiador e director do IEM, Carlos Méixome Quinteiro, en diversos medios do país chegan agora reunidos nun único exemplar auto-editado: Daquí e dacolá. Follas voadeiras 2001 – 2014. Obra escrita por un “galego sen complexos”, en palabras de Antonio Araújo Quintas (prologuista) que reflicte o exercicio do dereito “a explicar o Mundo dende aquí”, e sen o medo a “se contaminar implicándose como historiador nas cousas do mundo real”. Sentenza á que engade no prólogo que “Hoxe a maioría das súas hipóteses ou análises son realidades confirmadas e contrastadas pola vía dos feito”.
Daquí e dacolá. Follas voadeiras 2001 – 2014. será presentada o vindeiro venres 27 de marzo ás 20:30 horas na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida da Feira, Nº10, baixo, Gondomar), nun acto que coordinará o subdirector do IEM, Xosé Lois Vilar e contará coa presenza do ex alcalde de Gondomar, Antonio Araújo Quintas e do autor.