Xoves, 23 Nov. 2017

Actualizado12:46:23 PM GMT

Estás en Canais Cultura Gondomareño e nicranense son xentilicios “inventados” segundo recente publicación universitaria.

Gondomareño e nicranense son xentilicios “inventados” segundo recente publicación universitaria.

Correo-e Imprimir PDF
xose henrique costas
capa xentilicios
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

O profesor vigués Xosé Henrique Costas acaba de editar un libro sobre os xentilicios de Galicia. No volume denuncia a excesiva presenza de castelanismos disfrazados de cultismos. "Moitas das nosas propostas son arriscadas, pero fixémolas desde o coñecemento e o amor ao noso", salientou o autor na presentación da investigación.

"Somos conscientes de que moitas das nosas propostas son arriscadas, mesmo ousadas, pero fixémolas desde o coñecemento e o amor ao noso idioma". Así describe Xosé-Henrique Costas, director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, os contidos do seu último libro Os xentilicios de Galicia e doutros territorios da lingua galega, un manual que nace para orientar na formación dos xentilicios e tamén "para desenmascararmos tanto castelanismo disfrazo de cultismo (que no fondo son o mesmo: desgaleguización) e para tratar de establecer unhas normas de creación non condicionadas por orientacións foráneas", subliña o docente vigués, que fai tamén fincapé en que "no mundo da lingua non hai nada inocente nin casual, nin sequera a invención ou a suplantación dun xentilicio".

Editado pola Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, o libro nace do que autor denomina "un cabreo prolongado no tempo", cabreo que xorde ao constatar como a diario na prensa de Galicia, maioritariamente escrita en castelán, "se deforman e inventan xentilicios sen criterio ningún para moitos topónimos que non os tiñan; se soterran xentilicios populares con formas supostamente cultas ou solemnes que ao cabo derivan en evidentes castelanizacións; e, sobre todo, por constatarmos como ninguén cuestionaba estes inventos castelanizantes".

Especialista en Sociolingüística e Dialectoloxía das falas exteriores do galego, Costas inclúe neste manual, ademais dunha ampla listaxe dos xentilicios de todos os concellos e comarcas de Galicia, os dos territorios de Asturias, León, Zamora e Cáceres considerados lingüisticamente galegos.

Máis de corenta mil topónimos de lugares habitados

A meirande parte dos máis de corenta mil topónimos de lugares habitados que existen no territorio lingüístico galego, segundo se explica no libro, nunca tiveron un xentilicio correspondente e si, en troques, teñen ou poden ter alcumes colectivos cun matiz festivo, humorístico ou pexorativo. Entre estes ditados tópicos predominan os alcumes colectivos de oficios: picheleiros (composteláns), paraugueiros (ourensáns), zoqueiros (porriñeses)... , pero tamén os relativos a produtos do campo (pataqueiros, repoleiros, pimenteiros, nabeiros...); de animais (merlos, tabáns, cucos, carrizos, corvos...) ou relacionados co emprazamento ou característica da localidade (ribeiraos, aneboados, montañeses...). Estas formas pertencen ao rexistro coloquial da lingua.

Que moitos topónimos non teñan un xentilicio coñecido formado sobre eles non quere dicir, a xuízo do autor, que non se poida botar man dun sufixo habitual na formación de xentilicios e non se poida crear ou formar ese xentilicio sobre o topónimo e que co tempo se chegue a popularizar. "A lingua pode crear, pode compoñer, pode inventar, e os sufixos están aí para axudaren a formar palabras novas", apunta Costas, quen exemplifica esta afirmación aludindo á recente fusión entre Oza dos Ríos e Cesuras, "aínda ninguén se atreveu a crealo, pero se a Oza lle inventaron ocense e de Cesuras era cesurán, cal será o xentilicio resultante dos dous? ozacesurán, ozacesurense, ocesurán? Dos tres posiblemente sería mellor este terceiro para evitarmos cacofonías zarabeteantes, pero non hai aínda nada escrito nin prescrito por ninguén".
Inventos estraños que "inzaron como silveiras"

O libro denuncia como no último medio século "inzaron como silveiras" innumerables inventos estraños que naceron do descoñecemento e ignorancia dos xentilicios propios por parte dos "inventadores", que provocaron numerosos castelanismos artificiais: santirseño (de Santiso) no canto de santiseiro; chantadino (Chantada), no canto de chantadés; cruceño (Vila de Cruces) no canto de carbiao (Carbia era a antiga capital deste concello) ou formas galegas como crucés ou crucense; rosalino (O Rosal) no canto de rosaleiro; gondomareño (Gondomar) por gondomarés; trasalbeño (Trasalba-Amoeiro) por amoeirés; sanxenxino (Sanxenxo) por sanxenxeiro....

Nesta listaxe de inventos estraños ou autor inclúe tamén o que denomina "solemnes pseudocultismos estrafalarios": buenense (Bueu) no canto de bueués; forcaricense (Forcarei) por forcareiés; nicraniense (Nigrán) por nigranés; fisterrino (Fisterra) por fisterrán; alaricano (Allariz) por allarizao...

A reposición das formas correctas "unha loita colectiva"

O éxito ou fracaso dunha nova proposta depende máis da súa difusión ca da súa corrección ou eufonía, por iso, insiste Costas en que a loita contra o disparate castelanizante debe ser unha grande empresa colectiva de restauración da forma correcta dos xentilicios. "Se levamos 30 anos traballando pola restauración da toponimia, fagamos o mesmo coas palabras derivadas dos nosos topónimos, cos xentilicios".
Fonte: D.Besadío/DUVI