Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura O vigués Iñaki Varela Pérez gaña o VIII Premio de Poesía Victoriano Taibo – ELM de Morgadáns .

O vigués Iñaki Varela Pérez gaña o VIII Premio de Poesía Victoriano Taibo – ELM de Morgadáns .

Correo-e Imprimir PDF
inhaki

O VIII Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local Menor de Morgadáns acadou este ano unha importante participación, como vén sendo costume dende a súa institución, con corenta e dous orixinais presentados. Na primeira quincena de setembro reuniuse o xurado, que resaltou a importante calidade de moitos deles e elixiu, en primeiro lugar, as obras finalistas, que resultaron ser as citadas a continuación por orde de entrada, as que ostentaban os seguintes títulos e lemas ou pseudónimos:

                Camuflaxe (Campos de néboa eléctrica)

                Exhumación

                Do outro lado das portas (O Miño)

                Diario de ladras , bailarinas, asasinas e flores (Vita da Vita)

                Culpable (Nüwa)

A continuación acordaron concederlle o galardón desta convocatoria ao poemario titulado Do outro lado das portas valorando que estamos ante un libro que trata os temas máis actuais dende unha perspectiva social, nunha especie de épica actual, en que o autor nos dá a súa particular visión do que nos preocupa hoxe sen que os poemas se resintan na súa construción lírica. A cidade de Vigo ou o Miño adquiren personalidade propia neste poemario que engancha a lectura dende as primeiras páxinas.

O autor da obra premiada é Iñaki Varela Pérez, natural de Vigo cidade na que exerce como profesor de Xeografía e Historia. Afeccionado á literatura dende moi novo, este é, non obstante, o seu primeiro libro, que será publicado polo IEM na súa colección Victoriano Taibo como parte do premio acadado, consistente, ademais, en tres mil euros en metálico, unha peza escultórica conmemorativa, obra do artista miñorán Fino Lorenzo, e a presentación do autor e o poemario nunha gala que se celebrará ao longo do mes de novembro, en data que se anunciará oportunamente. 

Autobiografía do gañador

Nacín en Vigo, nas Travesas, no 1980. A miña primeira experiencia literaria foi como é habitual, na adolescencia, da que gardo unha moi boa lembranza de ter participado na revista do instituto onde estudei, o Santa Irene. Fóra diso pouco máis podo dicir dunha relación co mundo da escrita que estivo sempre máis ben do lado da lectura. Foi só nestes últimos tempos, quizais nos últimos dous ou tres anos, nos que recuperei esa necesidade de escribir. Non teño nada publicado, estou a aprender un tanto as apalpadas o que pode significar isto de escribir e que sentido pode ter facelo eu e facelo deste xeito.

No máis estritamente académico ou profesional, son licenciado en Historia pola USC. Rematada a carreira fixen diversas piruetas, cousa xeracional, así que tamén teño estudos (non finalizados) de realización audiovisual e educación social. Tamén fun pizzero, brevemente, e apañador de fresa en Dinamarca, aínda máis fugaz.

Dende o 2006 estou a traballar como profesor de Xeografía e Historia no ensino secundario, actualmente estou a facelo no IES Alexandre Bóveda de Vigo.

Son activista da asociación ecoloxista Verdegaia, da asociación de defensa dos dereitos das persoas presas Concepción Arenal e do proxecto de finanzas alternativas Fiare Banca Etica... e unhas cantas historias máis. Vaia, que á mínima enredo nunha silveira. 

Dende fai uns cinco anos estou a vivir en Compostela.