Comeza en Peitieiros o XXII Festival Folclórico Internacional

Imprimir
ecos agarimos2

Este sábado 22 de agosto, ás 20 horas, o Centro Cultural de Peitieiros, Gondomar, celebra o XXII Festival Folclórico Internacional.

Nesta edición abrirá o grupo anfitrión, Ecos e Agarimos, que como en todas as edicións será o responsábel de iniciar o Festival. Ecos e Agarimos, cunha traxectoria de máis de vinte anos, é a escola de música e baile tradicional da parroquia.

O programa acolle as actuacións do Rancho Folcórico da Casa do Povo de Rio Côvo (Barcelos –Braga) cunha traxectoria de 34 anos de existencia. A continuación a A.C. Os Muíños de Oliveira, que naceu en 1991 e está dirixido por Miguel Souto Ocampo, Sandra Diéguez, Óscar Álvarez e Samuel Sotelo todos eles músicos vinculados tamén a outros proxectos e grupos musicais.

Actuarán de seguido A treboada Os Terribles de Tomiño, continuadores dunha tradición propia destas terras do Sur de Pontevedra. E o grupo TradiSón, un proxecto dirixido por Xurxo Antúnez que nace para descubrir e gozar da música tradicional e conta con integrantes moi novos, todos eles de Gondomar.

O Festival comezará xa ás 12 da mañá con obradoiros diversos de baile e música abertos á participación de quen quixer achegarse. Os obradoiros serán de 12 a 14 horas durante a mañá e de 17:00 a 19:00 pola tarde e serán impartidos polos propios grupos participantes.

O XXII Festival Folclórico conta coa colaboración do Concello de Gondomar e a Comunidade de Montes de Peitieiros.

Como preámbulo, o venres 21 ás 22 horas terá lugar un concerto de canto popular co grupo do CCV de Peitieiros, dirixido por Xurxo Antúnez, e a comparsa de Bueu Os Mulos, herdeiros da tradición das comparsas do Entroido dos inicios do século XX. Esta agrupación musical que nos últimos anos ameniza a Festas das Letras de Bueu conta no seu repertorio coa popular peza "Falemos galego", unha peza popularizada por Suso Vaamonde e A Roda, mais que foi composta por José Diz, un dos integrantes dos Mulos.