Aberto o prazo para participar no certame da XI Bienal de Pintura Eixo Atlántico

Imprimir
premiados 2014 eixo

A organización transfronteiriza Eixo Atlántico abriu o prazo para que artistas de Galicia e Norte de Portugal poidan inscribirse coas súas obras pictóricas no Premio Eixo Atlántico e participar na Bienal de Pintura, que alcanza este ano a súa XI edición. Desde o seu nacemento en 1995, a mostra consolidouse como a única e máis antiga exposición de pintura de carácter itinerante entre dous países europeos así como unha das tres máis importantes da Península Ibérica.

A iniciativa está aberta á participación de autores naturais ou residentes na Eurorrexión, que deberán concursar cun cadro orixinal e inédito, é dicir, que non presentasen antes a ningún outro certame.

Os interesados poderán formalizar a inscrición até o 28 de setembro. Pasado este prazo, un xurado formado por personalidades relacionadas co mundo da cultura e das artes plásticas de Galicia e Portugal, así como polo gañador da edición anterior, procederá a fallar os premios entre unha selección dun máximo de 30 obras, que constituirán o catálogo itinerante da XI Bienal. A mostra percorrerá todas as cidades do noroeste peninsular asociadas ao Eixo Atlántico a partir do mes de novembro, é dicir, terá un público potencial superior ao seis millóns de persoas.

Premios
O primeiro premio outorgarase á mellor obra do certame (3.000 euros), e os dous segundos á mellor obra de autor galego (1.500 euros) e á mellor obra de autor portugués (1.500 euros). Ademais, concederase o galardón 'Novos Talentos Luso-Galaicos' para novos artistas de idades comprendidas entre os 16 e 25 anos (1.500 euros).

A idea da arte como valor estratéxico na construción da Unión Europea levou ao Eixo Atlántico a impulsar hai xa 20 anos a súa Bienal de Pintura como plataforma para dar a coñecer a novos talentos, pero tamén como foro que permitise visualizar de maneira periódica o estado da creación pictórica tanto de Galicia como do Norte de Portugal.
O programa, un dos máis queridos e máis exitosos dos que puxo en marcha o Eixo Atlántico, non só fortaleceu os lazos artísticos entre Galicia e Norte de Portugal senón que actuou como xerador de actividade económica, tanto pola atracción de visitantes aos municipios que acollen a mostra como facilitando a inserción laboral dos novos talentos.
Na Bienal de Pintura colaboran co Eixo Atlántico, a Secretaría Xeral de Cultura e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, a Fundação dá Juventude e os municipios asociados ao Eixo.

Descargar bases do certame