Músicos e afeccionados participaron dunha aula maxistral co quinteto de Chris Cheek no Pazo de Pías.

Imprimir
Chris-Cheek-quintento

-Ás 21 horas dará comezo o Nigranjazz na Foz do Miñor

O Pazo de Pías, en A Ramallosa, acolleu esta mañá unha aula maxistral do quinteto de Chris Cheek, á que asistiron 40 músicos e afeccionados de toda Galicia e incluso de comunidades veciñas como Asturias.

 

Hoxe arranca o Nigranjazz
Esta aula é o punto de saída do IX Festival Nigranjazz organizado polo Concello de Nigrán e que arranca esta noite ás 21.00 horas no auditorio de A Foz do Miñor coa actuación do vibrafonista catalán Andreu Vilar Trío, quen se acompañará na batería da galega Naima Acuña e no contrabaixo do cubano afincado en Galicia José Manuel Díaz.

A continuación, ás 22.30, é o concerto estelar do quinteto de Chris Cheek, considerado un dos mellores saxofonistas do mundo, que tocará, entre outros, co xenio mundial da batería Jorge Rossy ou os cataláns Jaume Llombart ao baixo eléctrico e David Soler en pedal guitar.

Á medianoite o festival trasládase a 'O Cafeciño', na Ramallosa, co chileno Pablo Menares Trio, un dos máis aclamados do seu país e de EEUU, onde forma parte da escena habitual do circuíto de jazz, especialmente en New York, cidade na que reside dende 2009.

Nesta ocasión acompañarase do pianista vigués tamén afincado en New York Iago Vázquez e o baterista do Morrazo Iago Fernández, dous dos máis recoñecidos músicos galegos. A continuación terá lugar a clásica Jam-Session á que se poderán sumar tódolos músicos que o desexen.

Â