Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Viño e cultura galega, unha ligazón histórica que fiará en tres xornadas o especialista Xavier Castro.

Viño e cultura galega, unha ligazón histórica que fiará en tres xornadas o especialista Xavier Castro.

Correo-e Imprimir PDF
xavier castro

As "Xornadas sobre Viño e Cultura Galega" intentarán revelar as ligazóns entre a cultura do viño coa creación literaria, artística e musical galega. Terán lugar na cidade de Vigo, nos días 9, 16 e 23 de xullo, na Exscama Taberna Atlántica. As veladas estarán a cargo do profesor Xavier Castro, especialista na historia do viño e Premio Picadillo do Fórum Gastronómico 2015.
Trátase de levar a cabo nelas un achegamento á cultura do viño, cunha iniciación á cata (con referencia aos criterios básicos da cata técnica e tamén ós propios da cultura popular do viño) que ao propio tempo constitúa unha experiencia de apreciación e goce hedonista do viño.

Estas Xornadas contan coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (Xunta de Galicia), a través da Secretaría Xeral de Cultura, e teñen unha orientación transversal que pretende integrar a cultura do viño coa creación literaria, artística e musical galega.

En cada sesión degustaranse viños de excelente calidade elaborados por tres reputadas adegas galegas (Leive, Moraima e Piñeiro) e poñeránse de manifesto as referencias ao mundo do viño contidas nas obras de tres conspicuos creadores: o poeta García Lorca, o novelista Blanco Amor e o polígrafo e investigador Filgueira Valverde, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Faranse tamén recitacións de poemas e lecturas de fragmentos en prosa e proxectaranse fragmentos curtos de documentais culturais.

As explicacións do condutor do curso, o profesor Xavier Castro (especialista na historia do viño e Premio Picadillo do Fórum Gastronómico 2015), farán referencia ao escritor que centre o interese de cada unha das sesións, abordando cuestións relacionadas coa cultura do viño, a temática gastronómica relacionada con ela (nomeadamente as maridaxes entre o viño e a culinaria propia da nosa dieta atlántica) e iranse intercalando coas achegas tanto dos adegueiros como do vitivinicultor Julián Rodríguez. Aléntase tamén a participación dos asistentes que disporán de momentos de vagar dedicados ao goce pracenteiro e ilustrado do viño, que, como é mester, servirase na compaña dalgúns petiscos propios da dieta atlántica.

Haberá terludios musicais nos que se escoitaran pezas alusivas á cultura do viño (visualizadas nunha pantalla dixital) e que garden algún tipo de vínculo co creador que protagoniza cada sesión, tanto fragmentos de óperas ou obras clásicas, como tamén jazz e música galega tradicional.

Cada sesión estará consagrada a un dos seguintes creadores:
-Federico García Lorca (con especial atención aos seus poemas galegos)
-Filgueira Valverde (O viño nas cantigas de Alfonso X)
-Eduardo Blanco Amor
Lugar de realización
-La Exscama. Taberna Atlántica (Rúa Rosalía Castro, 32. Vigo)

Datas
-9 Xullo, Xoves: Federico García Lorca (con especial atención aos seus poemas galegos). Adega Leive.
-16 Xullo, Xoves: Filgueira Valverde (O viño nas Cantigas de Alfonso X). Adega Viña Moraima.
-23 Xullo, Xoves: Eduardo Blanco Amor. Adega Eladio Piñeiro.

HORARIO: de 20'30 a 22'30 horas.

Para máis información:
Enderezo-e: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de robots spamers, precisas activar o JavaScript para velo / Este enderezo de correo-e está a ser protexido de robots spamers, precisas activar o JavaScript para velo
Móbil: 609 653 228