Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Máis de medio centenar de visitantes descobren a beleza do bosque atlántico de #Nigrán.

Máis de medio centenar de visitantes descobren a beleza do bosque atlántico de #Nigrán.

Correo-e Imprimir PDF

muinho-porto-molle

Máis de medio centenar de persoas fixéronlle fronte á choiva para participar da primeira Xeira do Instituto de Estudos Miñoranos que tivo o bosque de ribeira a cabalo entre o barrio de Canido e Porto do Molle, como primeiro destino. A visita discorreu por esta formación de grande importancia ecolóxica xa que "regula a temperatura das augas, suxeita as marxes dos leitos impedindo así o seu arrastre polas cheas, e actúa de filtro verde purificando as augas que se incorporan ás correntes", segundo explicacións do botánico Xosé Ramón García a pé das ribeiras do Río Muíños. Topónimo cuxo valor histórico patrimonial sería posto en dúbida máis adiante polo especialista Xosé Lois Vilar.

vilar-mollado-canidoInda o "diluvio" que por momentos só o agocho da vexetación aliviaba, púidose gozar da paisaxe e descubrir verdadeiras xoias etnográficas como o muíño de tres moas (sobre a Rúa Porto do Molle) cuxa restauración amosa urxente e necesarias polas autoridades de Zona Franca, con competencia na zona. O espazo foi "recuperado" inda así, polas explicacións achegadas polo arqueólogo Xosé Lois Vilar que salientou que existen documentos históricos que falan del cunha antigüidade de máis de 500 anos. "Non pode estar unha peza deste valor patrimonial comida polo mato, as silvas e as acacias" que ameazan o pouco que queda da súa estrutura, sinalou.

Ademais das descricións deste bosque da ribeira atlántica, a Xeira completouse cunha interesante explicación dos topónimos que dan nome a este enclave a cabalo entre o Lourido e Porto do Molle, a través das pescudas que neste eido leva desenvolvidas o IEM.

"Ninguén chama Muíños a este río", nin ten ningún valor patrimonial ou histórico este topónimo para os veciños, afirmou Vilar. Como ocorre na maioría das correntes fluviais galegas, o mesmo recibe diferentes nomes ao longo do seu percorrido, sinalou. Por exemplo Río Canido á altura da súa desembocadura e pasaxe polo barrio do mesmo nome. Topónimo que cambia por Río de Mallón ao seu paso por San Pedro da Ramallosa, Río Porto do Molle á altura do polígono industrial e Río da Súaigrexa na pasaxe por Camos, entre outras denominacións coñecidas das pescudas dos técnicos de campo.

A visita congregou a máis de medio centenar de participantes a pesar da choiva, entre veciños e visitantes. Aventura na que participan persoas de todas as idades e deseñadas polo IEM co obxectivo de salientar a riqueza etnográfica, arqueolóxica e patrimonial que agocha o territorio do Val Miñor. Feitura cultural desenvolvida totalmente por voluntarios, sen subvención das administracións públicas e totalmente gratuíta para o público.

A próxima visita guiada terá lugar o vindeiro mércores 8 de xullo e será aos Cotos de Chaín coa guía das profesoras Pura González e Margarita Miramontes, con punto de encontro ás 18 horas na sede do IEM, na Avenida da Feira Nº10 baixo, Gondomar. A mesma non necesita inscrición previa.

Por outra banda, seguen abertas as inscricións e reservas para as Xeiras marítimas e as visitas ao Ecoparque Arqueolóxico do Monte Tetón. As reservas deben realizarse de luns a venres de 18:30 a 21:30 horas no teléfono 986 360 575.

ramon-rio-canido